Skip to main content
Trabada

Éxito na xornada de portas abertas do Centro Etnográfico José Rocha de Trabada

Por 20 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Trabada vén de pechar as xornadas de portas abertas ao Centro Etnográfico José Rocha. Esta instalación foi aberta recentemente grazas ao traballo do goberno local, dirixido por Mayra García, e súmase ao traballo que supuxo a rehabilitación  das antigas escolas de Trabada e a Casa do Mestre. 

Ata o pasado luns, 287 persoas visitaron o centro, coincidido coas festas patronais de Trabada. O centro etnográfico, público e de carácter municipal busca conservar e difundir o patrimonio material e inmaterial de carácter etnográfico do Concello de Trabada e da comarca da Mariña, enmarcada no Camiño Norte de Santiago. 

“É unha satisfacción ver como o centro espertou un gran interese entre a cidadanía. De feito, tivemos varias chamadas solicitando información para visitalo”, valora Mayra García, alcaldesa de Trabada. 

Deste modo, a partir de agora será posible visitar o Centro Etnográfico baixo demanda de 11:00 a 13:00 entre semana, mentres que os fins de semana permanecerá aberto de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00. Ademais, o Concello de Trabada enviará información aos centros escolares para detallar a posibilidade de visitalo. 

No día de hoxe, usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores realizaron unha visita ás instalacións. “Os máis maiores emociónanse ao recordar o que foi a súa vida, xa que neste Centro expóñense pezas relacionadas co traballo e a vida de antes”, engade a alcaldesa. 

As obras para realizar este centro implicaron a rehabilitación integral das antigas escolas de Trabada, así como da antiga casa do Mestre. A isto súmase o apoio da Deputación de Lugo para urbanizar a praza na que se ubica e impulsar a súa musealización. O proceso de rehabilitación, impulsado polo goberno local, é apreciables nas fotografías adxuntas. Nelas, apréciase o estado actual contraposto á situación previa á rehabilitación.