Skip to main content
Viveiro

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración no Centro de Saúde de Viveiro

Por 14 Agosto, 2021Sin comentarios

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración diante do Centro de Saúde de Viveiro o vindeiro xoves 19 de agosto ás 12.00 horas, en protesta polo desmantelamento da Atención Primaria. Esta concentración daría continuidade ás que se veñen convocando nas distintas localidades da comarca desde o mes de xuño e mesmo polas que se están a convocar en todo o país.

“Viveiro conta cunha poboación censada de máis de quince mil habitantes, cifra que se ve aumentada nos meses de verán ata en tres ou catro veces. A decisión do Sergas de non dotar este verán aos centros de saúde de persoal sanitario para persoas desprazadas, provoca unha enorme sobrecarga de traballo nos cupos dunha plantilla esquilmada pola falta de substitucións e esgotada despois de máis dun ano de pandemia”, informou a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro.

Plantillas mermadas pola falta de substitucións

Todas as categorías profesionais están diminuídas pola negativa do Sergas de substituir vacacións, baixas , permisos e de reforzar alí onde se precisa”, di Porteiro, “existe incremento de actividade, tanto polo aumento de demanda que xenera a pandemia , como pola multiplicación da poboación e pola non substitución do persoal , coa conseguinte sobrecarga de traballo dos compañeiros”.

“Este centro de saúde leva moito tempo acumulando problemas graves de coberturas de profesionais ausentes, problemas que se agravaron de tal xeito que neste verán houbo bastantes días nos que non había ningún/ha facultativa en quenda de tarde (dos tres que están en carteira de servizos). A quenda de mañá , na que debería haber sete médicos , tuvo tempadas nas que estaban con menos do 50% de facultativos . Algo similar acontece co persoal de enfermería, categoría na que tampouco están ao cen por cen, ao non substituír a todo o persoal con ausencias e no caso do persoal administrativo non se dota de todos os reforzos que se precisan. Estas carencias tan profundas chegaron a afectar directamente á calidade asistencial, pois o feito de que algún/ha facultativa chegara a atender algún día entre 90 e 100 pacientes ,xa nos dá unha idea de como está a situación”, din dende a Plataforma.

“Máis, se aínda non chegara con atender os cupos do persoal ausente e ás persoas desprazadas por falta de dotación destes profesionais neste centro sanitario teñen que facerse cargo durante os meses de verán dos pacientes usuarixs de Hospitalización a Domicilio”, relata Montse Porteiro,”é por isto que desde este colectivo sanitario animamos aos veciños a que acudan á concentración, pois só a mobilización e a presión social poden conseguir que o goberno da Xunta recúe nas súas pretensións de desmantelar á xa maltreita atención primaria, pois o “pilar básico da atención sanitaria queda nunha situación de caos, que coma sempre afectará negativamente a veciños e veciñas” conclúe a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro.