Skip to main content
Axenda Caducada

Abre en Guitiriz cun recital poético a mostra de pintura de Isabel Pardo

Por 21 Agosto, 2021Setembro 10th, 2021Sin comentarios

O próximo luns, día 23 de agosto inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas da artista vilalbesa Isabel Pardo na Casa Habanera de Guitiriz, que estará aberta até o 10 de setembro en horario de 10 a 2 e de 4 a 6 de luns a venres.

Esta mostras está organizada polo Concello de Guitiriz dentro da súa programación de verán coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos, a Nova Poesía Guitirica NPG e a Asociación Socio-Cultural Lareira de soños.

O acto de inauguración terá lugar o luns 23 ás 19:00 na Casa Habaneira e contará coa participación da autora Isabel Pardo, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o presidente de Xermolos Alfonso Blanco e un recital da Nova Poesía Guitirica cos poetas Branka Villar, Pilar Maseda, Miguel Barrera, María Xosé Lamas, Emilia Martínez Fuentes e Luz Airado e será presentado polo presidente da Lareira de soños, Antón de Guizán.

A asistencia é libre até completar aforo e coas medidas covid.

Isabel Pardo Martínez é unha das artistas chairegas máis talentosas que coa súa xuventude (nacida en Vilalba en 2002) xa ten gañado o certame de debuxo de Pardiñas, realizado numerosos murais e colaborado con entidades como Xermolos, Nova Poesía Guitirica, Iescha ou Lareira de soños en diversas iniciativas culturais. Comprometida coa sociedade e cultura chairegas e o feminismo,  ten feitas varias exposicións dos seus traballos. Na actualidade cursa estudos de Historia da Arte na USC.