Skip to main content
Axenda Caducada

Friol acolle mañá un curso de inseminación artificial de gando bovino

Por 25 Agosto, 2021Agosto 26th, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza mañá en Friol un curso sobre a inseminación artificial de gando bovino e a transferencia embrionaria. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Friol, a acción celebrarase en horario de mañá e tarde no Centro colaborativo desta localidade lucense e nela participarán un total de 15 persoas. 

Cunha duración de 10 horas, o curso centrarase nos aspectos básicos da anatomía e da fisioloxía do aparello reprodutor da vaca, nos métodos para a detección do celo, nas principais patoloxías asociadas á reprodución e na xestión do botiquín para os tratamentos reprodutivos. Así mesmo, instruirase aos participantes sobre a desconxelación do seme e a inseminación artificial, no referido ao manexo do tanque de nitróxeno, á desconxelación do seme e ao seu emprego. Para afondar neste contido, a formación completarase precisamente con prácticas de desconxelación do seme e mesmo con prácticas de inseminación, tanto con úteros de matadoiro como con vacas.

O obxectivo da iniciativa é formar o sector do gando bovino para aumentar a viabilidade económica das explotacións e a calidade da súa produción. En concreto, apóstase pola mellora xenética para incrementar o número de crías, incidindo na facilidade e menor custo de transporte do material xenético en comparación co do touro, así como na posibilidade de conservar de xeito prolongado o seme do animal. Ao tempo, ponse de relevo a prevención e o control de enfermidades ao eliminarse o contacto directo entre macho e femia, destácase o mantemento de rexistros seguros e tamén que se evita a consanguinidade, a propagación de doenzas e a fertilidade reducida.   

A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector gandeiro neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral, tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.