Skip to main content
Axenda Caducada

Imparten o luns en Lugo un curso sobre aplicacións informáticas da PAC

Por 27 Agosto, 2021Agosto 30th, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre aplicacións informáticas para a xestión da PAC na que participarán unha ducia de profesionais do sector. A celebración desta acción formativa está prevista para este luns, día 30 de agosto, na Delegación territorial da Xunta en Lugo, ao longo dunha xornada en horario de 15:45 a 20:45 horas.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das cinco horas de duración desta acción formativa, instruirase aos alumnos na actualidade sobre a xestión da PAC e a súa condicionalidade, ademais da presentación das aplicacións informáticas relacionadas coa materia. Deste xeito, ensinarase o funcionamento das apps Sga@pp, Sgafot, InfoPAC, consultas PAC (que se encontra na web do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga-) e xestión información Sixpac.

O obxectivo principal do curso é facer chegar aos titulares de explotacións agrarias a información precisa para que poidan anticiparse aos cambios tecnolóxicos que se precisan para xestionar as parcelas suxeitas ás axudas PAC, a súa condicionalidade e a subida de datos ás plataformas de xestión mediante apps específicas.

A Xunta aposta pola continua profesionalización do sector mediante cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.