Skip to main content
Lugo

Comezan as obras no carril bici da avenida Marqués de Ombreiro

Por 3 Agosto, 2021Sin comentarios

No día de hoxe retomaranse as diferentes obras do carril bici na avenida Marqués de Ombreiro, para as que se “tivo en conta as propostas achegadas pola veciñanza, co fin de conciliar as necesidades dos residentes, co deseño da nova senda verde da cidade”. Dende o Concello de Lugo sinalaron que se aposta por un novo modelo de mobilidade sostible e saudable, para o cal se adaptan as novas esixencias medio ambientais e sociais.

O pasado día 7 de xullo, o Concello mantivo unha reunión cos residentes da zona de Marqués de Ombreiro e do barrio da Residencia para presentarlles, in situ, as alternativas, elaboradas polos técnicos municipais, ao proxecto do carril bici nesta zona, en resposta ás preocupacións trasladadas polos veciños e veciñas.

En dita reunión acordouse realizar o repintado da avenida Marqués de Ombreiro para que pase a ser dun único sentido de circulación, desde a rúa que baixa desde Avenida das Américas (fronte ao Mercadona) ata a rúa Músico Falla, en sentido descendente cara ao río. No carril eliminado gañaranse prazas de aparcamento en paralelo ao carril bici. Mentres que a reordenación do tráfico de subida realizarase pola rúa Músico Falla ata Avenida das Américas. Deste xeito, o número de prazas de estacionamento que se acadarán en Marqués de Ombreiro situarase por encima do centenar.

O carril bici é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polo FEDER. A través desta iniciativa, pretendese cambiar a mobilidade da cidade para crear alternativas saudables, recuperando espazos para os peóns e as bicicletas e reducindo o uso dos vehículos particulares para acadar un modelo de urbe sostible e moderna, como marca a Unión Europea e como fixan os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Así mesmo, búscase unir 8 barrios da cidade coa contorna do Miño, para que os e as lucenses deixen de vivir ás costas do enclave fluvial, unha das máis importantes demandas cidadás. En total, serán 14 quilómetros de percorrido que se executarán na zona DUSI, e que se estenderán en vindeiras fases cara outras zonas como a universitaria.