Skip to main content
Lugo

Adxudicadas as obras de construción das Caldas do Miño

Por 4 Agosto, 2021Sin comentarios

O executivo municipal aprobou este mércores na Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de construción das Caldas do Miño, un novo equipamento de uso público e gratuíto que permitirá impulsar as actividades a desenvolver na contorna fluvial e que a cidade gañe un novo recurso cultural, de recreo e turístico.

Así, o Concello destinará un total de 919.587 euros para a posta en marcha desta nova dotación que executará a UTE formada polas empresas Luis Villamide SL, Luclimat SL, e Instalaciones Deportivas Norte SL, nun prazo máximo de doce meses.

Este novo recurso conta coa cercanía do Camiño Primitivo, que pode servir de parada de descanso para os diferentes peregrinos que pasen por esa zona.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

Características das Caldas

O proxecto dotará a Lugo duns baños públicos con auga quente facendo unha chiscadela ás termas e, polo tanto, á historia cultural da cidade, aínda que non teñen un fin sociosanitario por non tratarse de augas mineromedicinais se non que proveñen da traída e acondicionaranse termicamente para o seu goce.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente -cunha profundidade de entre 60 e 90 cm-, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 metros cadrados.

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia.

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.