Skip to main content
BóvedaComarca LUGOXAComarca SARRIAXAMonforte

Continúa a preparación da 19ª etapa da Volta Ciclista que pasará por Lugo

Por 5 Agosto, 2021Sin comentarios

Estase a levar a cabo a preparación da 19ª etapa da Volta Ciclista a España que terá a súa meta en Monforte de Lemos. Neste caso, a preparación dase en canto ao dispositivo de seguridade que se porá en marcha na provincia. A etapa, que se disputará o día 3 de setembro, terá saída en Tapia de Casariego e chegada en Monforte, onde chegarán os ciclistas logo de percorrer 191.2 km, a maioría deles por estradas da provincia de Lugo.

Desta maneira, realizouse unha xuntanza na que varios dos asistentes interviron por vía telemática e participaron representantes da organización, da Xefatura Provincial de Tráfico, a Policía Nacional, a Garda Civil e o Subsector de Tráfico, así como de distintos concellos, como Lugo, Monforte de Lemos, Sarria e Castroverde, polos que pasarán os ciclistas, aos que a organización da Volta informou do dispositivo que ten deseñado para garantir a seguridade durante a celebración da etapa.

Así pois, pediuse que se respeten todas as medidas de seguridade, especialmente as restriccións sanitarias pola pandemia, e desexouse que a etapa sexa un éxito deportivo e que transcurra con normalidade. Pola súa parte, os organizadores informaron de que teñen previsto un protocolo anti-covid moi estricto.

Tamén se analizaron as incidencias que poden producirse no tráfico debido a que o paso dos ciclistas obrigará a facer cortes puntuais na circulación nunha etapa que discorrerá, na provincia lucense, polos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo, Sarria, O Incio, Bóveda e Monforte de Lemos, onde estará situada a meta.

O equipo de seguridade que acompaña en todas as etapas á Volta Ciclista, contará ao seu paso pola provincia de Lugo co reforzo de axentes da Policía Nacional, a Garda Civil e o Subsector de Tráfico, así como das Policías Locais e de Protección Civil da nosa provincia.