Skip to main content
Comarca LUGOXA

Éxito na primeira edición da Ancares Cycling Marathon

Por 9 Agosto, 2021Agosto 10th, 2021Sin comentarios

Este domingo celebrouse a primeira edición da Ancares Cycling Marathon, a proba de gran fondo que percorría numerosas estradas da comarca e na que se gozou do alto nivel de participación, así como das medidas de seguridade.

Preto de 500 ciclistas procedentes de distintos puntos de Galiza pero tamén de Asturias, Castilla y León, Madrid, Euskadi ou Cataluña percorreron as estradas de Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, As Nogais, Cervantes e Navia de Suarna que se amosaron como un escenario ideal para o ciclismo, acreditando a gran potencialidade deportiva e turística do Parque Natural dos Ancares.

A proba, que partiu de Pedrafita do Cebreiro ás 9.00 horas e que culminou no Alto do Cebreiro, coa chegada dos primeiros participantes a partir das 12.30, contou coa participación de Iván Raña e Delio Fernández.

Miguel Induráin, que tiña prevista e anunciada a súa presenza, non puido acudir tras coñecer, nas últimas horas, que foi contacto estreito dun caso positivo de covid19. O cinco veces campión do Tour desculpou a ausencia e saudou ás persoas participantes a través dun vídeo que se proxectou no inicio da proba.

A carreira foi organizada polo Club Ciclista Cidade de Lugo, na que se unía a beleza da paisaxe, xunto ao deporte ao aire libre, o que conseguiu facer desta proba, unha xornada única e especial.