Skip to main content

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidirá este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un acto público onde se sortearán máis de 4.500 Bonos Impulso entre as persoas que xa son beneficiaras dun destes descontos. Escollerase unha letra ao azar que marcará o apelido a partir do cal se entregarán, de maneira correlativa, os bonos excedentes do programa. O acto poderase seguir en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial a partir das 10.30 horas e o listado dos beneficiarios quedará colgado na web da Deputación.

A institución provincial tamén entregará de maneira directa un bono ás 761 persoas que figuran na listaxe de agarda. Isto produciuse nalgúns concellos ao rexistrarse máis solicitudes que bonos dispoñibles. Esta circunstancia deuse nos municipios de Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Negueira de Muñiz, O Páramo, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Triacastela e Vilalba.

As persoas beneficiarias teñen ata o 30 de setembro para poder gastar os Bonos Impulso nos establecementos adheridos. Pola súa banda, os negocios poderán entregar as contas xustificativas ata o 15 de outubro.

Reparto a domicilio

Os bonos de 30€, para compras dun mínimo de 60, que está a repartir a Deputación estanse a entregar por orde de inscrición e poden usarse para todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías.

Os beneficiarios reciben na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono é nominativo, é dicir, leva o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra.

A Deputación fixo un reparto equitativo dos bonos entre todos os concellos da provincia seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación estableceu un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito, xa que esta medida naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo.Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org e o teléfono 982.260.204 para calquera dúbida que poida xurdir.

Efecto multiplicador

A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, unha inxección económica en termos de consumo porque, segundo os estudos económicos dos técnicos, o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres, chegándose polo tanto a mobilizarse uns 1,5M€.