Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O Club Cidade de Lugo organiza a I Ancares Cycling Marathon

Por 2 Agosto, 2021Sin comentarios

490 persoas inscríbíronse para participar na primeira edición da Ancares Cycling Marathon, que se celebrará o domingo 8 de agosto nas estradas da comarca.

Á presenza de Miguel Induráin e Carlos Sastre, anunciada na presentación do evento, súmase a de ciclistas profesionais en activo, coma Delio Fernández e Iván Rabuñal, e referentes do deporte galego coma Álvaro Pino ou o triatleta Iván Raña.

A posibilidade de rodar a carón de ciclistas de renome e os recursos paisaxísticos e culturais dos Ancares, con “estradas que tocan o ceo”, son os grandes reclamos da proba cicloturista organizada polo Club Cidade de Lugo, que pasará polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O 70 por cento das persoas inscritas son de Galicia, mais tamén se anotaron participantes de Asturias , Castela e León , Madrid, Cataluña ou Euskadi.

Test de antíxenos na xornada previa

A Ancares Cycling Marathon desenvolverase atendendo a un protocolo específico de prevención contra a covid19, que inclúe a realización dun test de antíxenos previo a participación na proba.

O test realizarase na xornada previa, o sábado, na praza do mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro. Os participantes chegarán en vehículo, onde se procederá ao seu rexistro e farase a toma de mostras. Deberán permanecer dentro do vehículo, nun aparcamento de espera, ata recibir o resultado negativo no seu teléfono.

Co resultado negativo, poderán dirixirse á oficina permanente para a recollida do dorsal e a bolsa do corredor. No caso de que o resultado sexa positivo, o participante debe poñerse en corentena e este feito será comunicado ás autoridades sanitarias.

O día do evento facilitarase a distribución de áreas para evitar aglomeracións e limitar interaccións. Lémbrase a necesidade de manter a distancia de seguridade e a hixiene frecuente de mans, para o que haberá dispensadores de xel hidroalcohólico.

A máscara será de uso obrigatorio no recinto e ao comezo da carreira, durante a saída neutralizada e durante os avituallamientos. Só poderá retirarse tras a saída real e o participante volverá poñerlla tras cruzar a meta. Os puntos de avituallamiento serán de uso individual. Non se permitirá o acceso de público á zona delimitada de inicio e fin da carreira.

Dous percorridos: 126 e 94 quilómetros

O percorrido deseñado para o Ancares Cycling Marathon está pensado para persoas afeccionadas ao ciclismo con certo nivel de adestramento previo, con dous percorridos alternativos con distintos niveis de esixencia.

A proba raíña será de 126 quilómetros, con inicio en Pedrafita do Cebreiro. Os participantes transitarán polos concellos das Nogais e Becerreá, onde se iniciará a ascensión do Alto dos Sete Carballos, de 1.320 metros de altitude, o máis elevado do percorrido e, sen dúbida, o de máis dureza, cun desnivel que alcanza por momentos o 11%.

A continuación, os participantes enfrontaranse ao Alto da Pitinidoira (1.216 m) e, posteriormente, ao Alto de Villasol (1.176m.), situado a só 16 quilómetros do final da proba. Un último esforzo levará de novo ao pelotón cara arriba, ao Alto do Cebreiro, desde Barxamaior (1.302m.), onde o final está previsto nas propias rúas do Cebreiro.

As persoas que opten polo percorrido de medio fondo, de 94 quilómetros, ascenderán só os dous primeiros (Sete Carballos e A Pitinidoira) para, neste último e sen apenas baixada, dirixirse ade Pedrafita e acabar no Cebreiro pola súa vertente máis dócil.