Skip to main content
Antas de Ulla

Póñense en valor as axudas aos autónomos en Antas de Ulla

Por 13 Agosto, 2021Sin comentarios

Ponse en valor en Antas de Ulla as axudas autonómicas ao emprego autónomo e recordouse que aínda se poden solicitar, ata o próximo 30 de setembro, os apoios para impulsar o inicio de actividade e a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador; e ata o día de onte o Bono Autónomo.

Con esta última iniciativa, preténdese contribuír á consolidación do emprendemento para manter e aumentar as estruturas de emprego estable e de calidade. As axudas contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros para apoiar a modernización e consolidación de preto de 2.000 negocios en Galicia.

O Bono Autónomo favorece, por unha banda, á mellora da competitividade dos negocios, apoiando a contratación de servizos especializados para a realización de tarefas de investigación de mercado ou plans de márketing; e, doutro lado, está destinado ao financiamento de investimentos dedicados á mellora e modernización dos negocios como son, entre outros, a adquisición de equipamento ou maquinaria ou a elaboración de páxinas web ou logotipos.

Con respecto aos apoios para o inicio de actividade e para a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador, explicouse que o programa conta cun orzamento de 12,2 millóns de euros cos que se prevé beneficiar a 3.000 autónomos e 90 empresas. Sobre esta medida, destacouse que se aposta polos principios de inclusión e non discriminación dos colectivos máis vulnerables, xa que o importe das axudas duplícase ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros. Ademais, a contía increméntase nun 25% para mulleres, emigrantes retornados ou maiores de 45 anos.

Plans de rescate

Por último, a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana referiuse aos plans de rescate postos en marcha “en tempo récord” para aportar liquidez aos autónomos e pequenas empresas máis afectadas pola pandemia. Preto de 30 negocios de Antas de Ulla recibiron apoios dos dous primeiros plans por valor de 68.200 euros.

As axudas do terceiro Plan, con fondos estatais, aínda se poden pedir, ata o próximo 30 de setembro, despois de que a Administración autonómica ampliara o prazo de solicitude para que as axudas poidan chegar aos que máis as precisan. Neste senso, a conselleira volveu a insistir na necesidade de que o Estado flexibilice os criterios destas axudas para que os fondos cheguen e se poda seguir aportando liquidez ao tecido empresarial galego.