Skip to main content
A PastorizaCastroverdePol LUGOXAPol TERRACHÁXA

Caballero reclama atención ao rural nunha visita a Castroverde, Pol e A Pastoriza

Por 25 Agosto, 2021Sin comentarios

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que “poña máis fondos nas mans dos concellos” para garantir a reactivación económica a favor dos veciños e das veciñas. Así o dixo na rolda de visitas aos concellos de Castroverde, Pol e A Pastoriza xunto aos seus alcaldes, José María Arias, Lino Rodríguez e Primitivo Iglesias, respectivamente.

O líder dos socialistas galegos advertiu de que “non haberá reactivación en Galicia se a Xunta non apoia aos concellos do rural”. Lembrou o amplo marxe de manobra do que dispón o goberno galego precisamente neste ano, no que o goberno galego ten recibido máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios procedentes do Estado para facer fronte ás consecuencias da pandemia.

Caballero sinalou que “a Xunta está abandonando a reactivación da Galicia rural porque o PP carece de modelo, de estratexia e de medidas”.

Reivindicou máis marxe orzamentaria para os pequenos concellos galegos “que defenden a reactivación económica e o benestar dos veciños e das veciñas da provincia de Lugo”.  O goberno de Feijóo debe dar “mais fondos aos concellos de Galicia” en vez de aplicar recortes ao “municipalismo que resolve asuntos competencia da Xunta que esta non fai”.

Así mesmo, reclamou o compromiso da Xunta cos servizos públicos na Galicia rural, así como medidas para o desenvolvemento agrogandeiro e industrial e a xeración de emprego na Galicia interior.

ABANDONO DO RURAL

Pola súa parte, o alcalde de Castroverde, José María Arias, lamentou que a “falla de compromiso” por parte da Xunta ten incrementado a situación de “abandono” dos concellos rurais de Galicia, que “seguen no mesmo estado que hai 40 anos”. Lamentou que “nin sequera hai unha mínima aposta pola ordenación do territorio para darlle pulo ao rural”.

Arias puxo como exemplo a falla de compromiso das concentracións parcelarias, que “xunto con outras medidas, permitirían apoiar a reactivación económica e social do rural e contribuír á do conxunto do país”.

POL

Por outra banda, Gonzalo Caballero tamén visitou o concello de Pol, acompañado do seu alcalde, Lino Rodríguez. Fíxoo precisamente o día no que se debería ter celebrado a Festa do Emigrante, aprazada este ano pola pandemia.

Gonzalo Caballero gabou o impulso que está a experimentar o municipio coa xestión do rexedor socialista e visitou o desenvolvemento das novas instalación deportivas do municipio.

A PASTORIZA

Finalmente, no concello de A Pastoriza, Gonzalo Caballero mantivo un encontro co alcalde, Primitivo Iglesias.

O secretario xeral dos socialistas galegos expresou ao seu apoio ás reivindicacións do alcalde cara a Xunta de Galicia. Nun dos concellos do país con maior peso do sector agropecuario, dende A Pastoriza reclámaselle ao goberno galego que se poña en marcha un servizo veterinario no municipio, para prestar servizo ás gandeiras e gandeiros da zona.

Tamén se lle demanda á Xunta unha maior aposta polo desenvolvemento industrial e que se manteña a calidade asistencial no eido da sanidade pública, e de maneira concreta na atención primaria, algo fundamental nun concello cun elevado índice de poboación envellecida.