Skip to main content
O Corgo

O espectáculo Saaabor! aterra no Corgo

Por 14 Agosto, 2021Agosto 15th, 2021Sin comentarios

O vindeiro xoves 19 de agosto, O Corgo acolle o espectáculo familiar Saaabor!, unha proposta para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Avelino González.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela, ata a máis elaborada, sen esquecer o viño e a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

Culturactiva SCG é a encargada de dar a coñecer esta actuación protagonizada por Félix Rodríguez e Fran Rei. O primeiro, é un actor e músico cunha ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión compleméntase perfectamente con Fran Rei, cómico que participou en máis de 20 montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis Un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca.

Xuntos crearon este espectáculo, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes.

O espectáculo será ás 12.30 horas na área recreativa fronte o colexio do Corgo e é preciso inscrición previa.