Skip to main content
LugoMonforte

Adif adxudica a renovación de vía do tramo Monforte-Lugo

Por 1 Agosto, 2021Agosto 2nd, 2021Sin comentarios

O Consello de Administración de Adif autorizou a adxudicación do contrato de obras de execución do proxecto construtivo de renovación de vía do tramo Monforte de Lemos-Lugo, por un importe de 30.346.026,48 euros (IVE incluído).

Estes traballos, adxudicados á empresa Comsa, enmárcanse nas actuacións promovidas por Adif para a mellora da calidade e fiabilidade da conexión ferroviaria entre Monforte de Lemos e Lugo.

O traxecto Monforte-Lugo ten actualmente 71 km de lonxitude en vía única non electrificada. Precisamente a electrificación deste tramo constitúe un dos principais investimentos planificados para o corredor.

Renovación de vía

A renovación de vía do tramo Monforte de Lemos-Lugo comprende as seguintes actuacións: a renovación de balasto -que se substitúe por balasto silíceo-, a substitución de travesas, a renovación de desvíos, a renovación de carril e as bases de montaxe.

En canto ás travesas, renovaranse todas, incluíndo as que non sexan polivalentes aínda que presenten bo estado, colocándose no seu lugar travesas de formigón monobloque tipo PR. Na renovación dos desvíos, pola súa parte, realizarase a renovación de vía e aparellos nas estacións do traxecto, nas que se substituirán os aparellos de vía actuais (tipos B1 e C) por aparellos máis avanzados tipo P1.

Polo seu lado, substituirase o carril existente tipo 54 E1 por carril 60 E1 en todo o tramo. Os traballos inclúen a instalación de cupóns mixtos de carril 54/60, a modo de transición entre carrís nas zonas de ligazón.

Finalmente, para a realización dos traballos de renovación dispoñeranse provisións de materiais e instalacións auxiliares. As principais bases de montaxe previstas, cun cargadero e descargadero de balasto, defínense en Lugo-Mercadorías e a zona de Porto Seco de Monforte de Lemos.

Licitadas obras para optimizar pontes e explanacións

O Consello de Administración de Adif autorizou a licitación dun contrato de obras para optimizar elementos da infraestrutura (pontes e explanacións) situados nun trazado de algo máis de 8 quilómetros de liña ferroviaria convencional Ourense-Monforte.

O contrato licítase por un importe de 10.538.296,49 euros (IVE incluído), cun período de execución de once meses.

O proxecto comprende actuacións nun total de nove pontes, doce trincheiras e seis medias ladeiras, co fin de adaptalos aos novos parámetros de explotación da liña (incluído o gálibo) que require a electrificación a 25 kV que se instalará nesta liña entre as estacións de Monforte de Lemos e Ourense.

Ademais, optimizaranse os sistemas de drenaxe destes elementos da infraestrutura ferroviaria, así como as súas condicións de conservación e durabilidade.

Así mesmo, ampliarase o noiro existente no lado Sur da estación ourensá de Os Peares para, posteriormente, permitir que se constrúa a plataforma ferroviaria dunha futura vía desviada (vía 2) e conseguir unha lonxitude de 750 metros.