Skip to main content
Lugo

O bosque urbano das Gándaras ofrece nova programación

Por 3 Agosto, 2021Sin comentarios

O bosque urbano das Gándaras acolle unha nova programación de visitas guiadas, xornadas de portas abertas e obradoiros infantís grazas ás cales abrirá por primeira vez as súas portas á cidadanía esta semana. Farase coa intención de que a cidadanía coñeza este parque verde que se atopa entre os dous parques empresariais da cidade.

Visitas guiadas

As visitas guiadas ao bosque urbano das Gándaras, que se celebrarán todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro serán de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas aplicaranse todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade.

Estas visitas desenvolveranse por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.

A quenda da mañá comezará ás 10 horas coa visita á área de frondosas, cultivos enerxéticos e o souto. Ás 11.30 horas será o turno da visita á parcela de aromáticas, arboretum e humidal das Gándaras-O Ceao. Cada unha das quendas ten unha duración aproximada dunha hora.

No caso da quenda da tarde, realizarase un roteiro completo que comezará ás 17 horas na área de frondosas, cultivos enerxéticos, souto e que continuará na parcela de aromáticas, arboretum e humidal das Gándaras-O Ceao.

Xornadas de portas abertas e obradoiros infantís

As xornadas de portas abertas terán lugar, igualmente, todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro en horario de 9.30 a 19.30 horas. Finalmente, celebraranse obradoiros dirixidos ao público infantil, que incluirán un contacontos e unha visita ao bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais e sociais relativos ao monte e ao seu coidado.

Ademais, o vindeiro día 7 de agosto celebraranse os dous primeiros obradoiros baixo o título As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco. O horario será, na quenda da mañá, a partir das 11 horas e, na quenda da tarde, ás 18 horas.