Skip to main content
Lugo

O museo de Lugo acolle a obra Crónica de desamor travesti

Por 3 Agosto, 2021Sin comentarios

A representación da obra Crónica de desamor travesti, chega mañá a Lugo. Trátase dunha comedia de enredo e travestismo para todos os públicos que critica, en clave de humor, o amor romántico e as ficcións encorsetadas que reproducen os seus estereotipos.

A actuación, da compañía viguesa Marinita y sus Maromas, realizarase no xardín do museo de Lugo ás 19 horas. Esta compañía de teatro, única en Galiza, mestura historias de comedia de enredo co xénero das variedades, ofrecendo ao público interpretación, canto, danza e transformismo. O travestismo é un piar transversal das súas dramaturxias, sen ser o motor principal de conflicto das variadas personaxes.

Por outra beira, dúas horas antes, ás 17 horas, no claustro, desenvolverase un obradoiro orientado a “mapear a diversidade”, situar no tempo e no espazo acontecementos transcendentes para a comunidade LGTBI+ galega e poñer en valor os seus protagonistas.

As actividades forman parte da programación Escolma Diversa na que a Rede Museística cede os seus espazos para que xestores culturais noveles, poidan desenvolver os seus proxectos.

No caso de Escolma Diversa, trátase dunha proposta artellada por Javier Sánchez, que, segundo explicou na presentación do programa, “é unha selección de actividades que conecta a creatividade, o territorio e a diversidade e que busca facer emerxer e visibilizar o talento galego queer”.

A asistencia ás actividades é libre e gratuíta ata completar a capacidade dos espazos, dacordo coas normas de prevención fronte á covid19 vixentes.