Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo adquire 10.000 novas tarxetas cidadás

Por 4 Agosto, 2021Sin comentarios

Rubén Arroxo xunto coa edil de Participación, Cristina López, entregaron a tarxeta cidadá ás integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo.

Arroxo explicou que “desde as áreas de Mobilidade e Participación continuamos a colaborar con entidades e colectivos para que toda a veciñanza poida obter a tarxeta cidadá”.

30 socias e socios da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo recibiron a súa tarxeta cidadá, o que lles permitirá aforrar ata o 50% no prezo do billete de bus urbano.

“Unha das solicitudes que recibimos por parte deste colectivo foi aumentar as conexións co HULA, o que se convertiu nun dos cambios máis importantes no novo modelo de transporte urbano, ao aumentarse en 8 barrios máis as conexións directas co HULA con respecto ao modelo anterior”, explicou o tenente alcalde que engadiu “as novas liñas melloran as conexións nas zonas urbanas e periurbanas, aumentando as frecuencias e as zonas ás que chega o bus, ao que se une a posibilidade de facer transbordo con pouco tempo de espera, o que facilita os desprazamentos en bus urbano”.

Novas tarxetas cidadás

O Concello de Lugo aproba no día de hoxe a adquisición de 10.000 novas tarxetas cidadás. Rubén Arroxo explicou que “coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe  ata nun 50% permite tamén axilizar a entrada no bus”.

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64 euros a 0.45 euros, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 euros no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19 euros sen bonificacións ou só 0.10 euros no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público. O tenente alcalde destacou que “Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado”.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60 euros.