Skip to main content
Lugo

O PP denuncia que o barrio da residencia segue sen unha solución ao proxecto do carril bici

Por 15 Agosto, 2021Sin comentarios

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, sinala que hai máis de dous meses que o goberno local se comprometeu a dar unha solución alternativa ao proxecto do carril bici no barrio da Residencia e dende entón “nada se soubo”.

Antonio Ameijide urxe ao goberno local a dar unha solución de consenso xunto aos grupos municipais e aos veciños xa que “non imos a permitir que o carril bici sexa a escusa para eliminar máis de 300 prazas de aparcamento nun barrio no que son moi necesarias, a pesar de que hoxe xa é moi difícil aparcar, e o será aínda máis nos vindeiros meses, cando nesta zona abran ao público un centro de saúde, un PAC, unha residencia para persoas da terceira idade e unha oficina de emprego para dar cobertura a toda a cidade”.

O concelleiro popular urxe e esixe esta solución xa que “hai moita inquietude no barrio xa que se van a destruír máis de 300 prazas de aparcamento, nunha zona na que hoxe en día xa é complicado estacionar”. Neste senso recorda Ameijide que segundo o proxecto feito público polo goberno local este carril bici, que se licitou por 1.226.979,93 euros, contempla a eliminación de 336 prazas de estacionamento en só 14 rúas moitas delas no propio barrio da Residencia ou na súa contorna (Paseo do Miño, Dona Urraca, Pintor López Guntín, Río Ulla, Rúa da Saúde, Rúa Azalea, Fonte dos Ranchos, Marqués de Ombreiro, Xermán Alonso, Rúa Orquídea, Rúa Ameneiro, Río Navia, Concepción Arenal e Frai Plácido Rei Lemos).

Ante esta situación, o popular pon de exemplo a unión e a forza amosada polos veciños de Marques de Ombreiro, que “grazas a súa unión conseguiron evitar que o goberno de Lara Méndez destruíse nesa rúa 100 prazas de estacionamento”.

Por iso, os populares, conscientes de que A Residencia ten un problema grande de aparcamento xa que moitos dos edificios son antigos, carecendo a maioría deles de garaxe, non queren que se demore máis a solución e piden un proxecto que sexa complementario á mobilidade do barrio, en lugar de limitala ao extremo.

Unha situación ante a que os veciños decidiron poñerse a traballar para darlle a volta e por iso levan semanas recollendo sinaturas nos negocios do barrio contra este proxecto de carril bici. “É necesario que un proxecto deste calibre sexa ambicioso, pero consensuado, para non xerar problemas á mobilidade e debe unir toda a cidade, non meter a calzador 14 quilómetros de carril nun so barrio”, sinalou.

Antonio Ameijide recorda que para o Grupo Popular o carril bici é unha boa idea, sempre e cando se realice con “coherencia e sexa planificado xa que vemos que está a xerar máis problemas que solucións aos lucenses”. “Un carril bici ben plantexado non deixaría fóra ao 80% da cidade e tampouco esquecería o campus, os centros de formación profesional, os centros educativos e o propio centro da cidade, puntos nos que a cidadanía demanda itinerarios seguros en bicicleta”, sinalan.