Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo pide axilizar a resolución de expedientes de licenzas no rural

Por 17 Agosto, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular segue preocupado pola situación na que “se atopa a resolución de expedientes de licenzas nas parroquias do rural, xa que segundo os datos do expedientes do primeiro semestre do ano a resolución media da solicitude de licenza se sitúa nos 611 días, que xeraron un volume de negocio total de 3.602.204,30 euros”.

Manuel López insiste en que a situación “é moi preocupante xa que como sempre dixemos dende o Grupo Municipal Popular urxe axilizar e desbloquear os expedientes en lugar de seguir a mantelo nunha situación de bloqueo, perpetuando no tempo os trámites o que propicia que moitos dos solicitantes desistan na súa petición ou mesmo rematen noutros concellos”. Situación que se certifica en que o 90% das licenzas concedidas no que vai de ano exceden o prazo legal de 90 días.

“A realidade é que o 32% das licenzas concedidas déronse en menos dun ano, o 28% entre un e dous anos e o 30% restante superan os dous anos de espera” sinalan.

Para o concelleiro popular “non ten sentido” a liña que están a seguir dende o goberno local e pregúntalles que pensan facer para asentar poboación no rural, xa que as peticións para construír unha vivenda nas parroquias tardan en resolverse unha media de 700 días. “Hai casos nos que tardaron case seis anos en responder a una solicitude de licenza, é así como pensan asentar poboación no rural?”, pregunta.

A realidade é que o Concello de Lugo, “co PSOE e o BNG á fronte está a multiplicar por oito o prazo que marca a lei de resolver este acto regrado en 90 días e, tras consultar os expedientes, queda claro que en Lugo se incumpre de forma regular”. Polo que o popular esixe “ao bigoberno que reforcen os servizos que interveñen na concesión de licenzas, xa que o persoal que está a realizar todo este traballo está desbordado e, pese a iso, realizan o seu traballo do mellor xeito posible, tentando minimizar os prazos”.

No que se refire ás solicitudes de licenza para a construción de alpendres, naves ou outras infraestruturas a realidade non é moito mellor xa que a media en resolver sitúase nos 616 días. “Queda claro que algo hai que cambiar porque a situación non pode seguir así, xa que se está a poñer trabas á iniciativa empresarial no rural”, lamenta.

Outro aspecto que afecta á política urbanística no rural é o 5% do PXOM que está pendente de aprobar e que afecta a un total de 160 núcleos “onde non é posible solicitar licenzas”. “Estamos a falar de 24 anos para facer este trámite que nos leva custado 750.000 euros”, sentenciou.

Goberno local

Dende o Goberno local, en relación a estas declaracións do Grupo Municipal do Partido Popular, apuntan “o carácter nesgado destas informacións, en tanto os prazos aos que alude a oposición, coma sempre acudindo á terxiversación interesada. Foron calculados dende que as solicitudes entran no rexistro e sen ter en conta as circunstancias concretas e particulares de cada un dos expedientes que, en moitos casos, conleva a tramitación de outras autorizacións sectoriais”.

“Nese sentido, só cómpre lembrar que preto do 40% das propostas que durante o pasado exercicio se elevaron á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación requiriron entre 3 e 6 rectificacións ou aportacións de documentación complementaria, o que pon de manifesto que os atrasos na súa concesión non sempre son atribuíbles ao funcionamento do Concello, senón que entran en xogo moitos factores que condicionan o proceso e, polo tanto, os prazos, como pode ser a excesiva tardanza dos promotores ou particulares en dar resposta ás notificacións municipais”, sinalaron.

Para concluír, indicaron tamén que “a través do Plan de Choque posto en marcha en 2020 polo Executivo de Lara Méndez, na área de Urbanismo, nese exercicio se puxeron ao día todos os expedientes que ficaban inconclusos e que tiñan unha antigüidade superior aos tres anos, o que quere dicir que aqueles que eran susceptibles de ser aprobados xa o están e os que non, é porque, como se referiu anteriormente, seguen o seu curso administrativo”.