Skip to main content
Lugo

Unha trintena de colectivos de Lugo reciben 270.491 euros en axudas

Por 17 Agosto, 2021Sin comentarios

A área de Benestar trasladará mañá á Xunta de Goberno local a concesión directa das subvencións nominativas, así como a aprobación dos convenios que o Concello de Lugo mantén coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Unha partida que alcanza os 270.491 euros e que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López Racamonde.

A edil destacou a valía do traballo realizado pola asociacións locais ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”.

Así, subliñou a importante tarefa que desempeñan estes colectivos en cuestións tan transcendentais como pode ser a eliminación de barreiras e a promoción da autonomía persoal e a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, o desenvolvemento de programas vinculados á xestión do piso destinado á acollida temporal de persoas sen fogar, a estimulación cognitiva para doentes de alzhéimer, párkinson ou cancro de mama, o servizo de intérprete en lingua de signos, o acollemento estival de menores afectados pola radiación de Chernobyl ou mesmo a atención dietética a persoas con enfermidade de ril, etc.

Outros asuntos da Orde do Día

Noutra orde de asuntos, na sesión desta semana o executivo aprobará tamén dúas licenzas urbanísticas para a reforma e ampliación dun inmoble sito na Ronda da Muralla (121.910 euros) e para a rehabilitación dunha edificación tradicional no núcleo rural de Castro (115.386 euros).