Skip to main content
Lugo

O PP pide unha normativa que asegure visibilidade nos pasos de peóns de Lugo

Por 21 Agosto, 2021Sin comentarios

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pídelle ao goberno local a elaboración dunha normativa municipal ou establecer unha serie de criterios municipais para a localización do mobiliario urbano e así garantir a visibilidade nas inmediacións dos pasos de peóns e cruces da cidade, de cara a mellorar a seguridade viaria, tanto para peóns como para condutores.

Antonio Ameijide explica que se ve na obriga de pedir esta normativa xa que no municipio hai moitos puntos nos que a visibilidade “é practicamente nula” nas inmediacións dos pasos de peóns xa que se permite o aparcamento ou a colocación de colectores do lixo xusto antes do paso, polo que os condutores teñen moi difícil ver se hai peóns dispostos a cruzar, do mesmo xeito que os peóns non poden ver se hai vehículos circulando.

O concelleiro popular reclama algo tan sinxelo como que se elabore unha normativa municipal con criterios de localización para o mobiliario urbano ou outro tipo de elementos, así como para garantir a visibilidade previa a pasos de peón e cruces, para evitar que se permita o estacionamento de vehículos de grandes dimensións xusto antes dun paso de peóns ou que os colectores do lixo se coloquen xusto a continuación do paso para evitar que impidan a visión aos condutores e aos peóns.

Outra das solucións que se podería adoptar sería que xusto antes dos pasos de peóns se establecesen as zonas destinadas para o aparcamento de motos, vehículos de pequeno tamaño que non impiden a visión. “Trátase de evitar que vehículos ou elementos de grandes dimensións impidan a visión tanto a peóns coma condutores”, explicou.

Estes criterios deberían de estar reflectidos nunha normativa municipal para que á hora de realizar repintados, colocar novos colectores ou habilitar zonas de carga e descarga “non se incorra de novo nestas situacións” que elevan o nivel de perigo no referente á seguridade viaria, xa que, recorda o popular, é preciso poñer todos os medios que temos ao alcance para poñer freo aos atropelos no casco urbano, xa que, segundo os últimos datos aos que tivemos acceso, preto do 80% dos atropelos en Lugo teñen lugar nas inmediacións dun paso de peóns.