Skip to main content
Lugo

A piscina de Lugo permanecerá aberta ata o 15 de setembro

Por 23 Agosto, 2021Sin comentarios

A área de Deportes manterá aberta a piscina exterior de Frigsa até o vindeiro 15 de setembro, ampliando nunha quincena o que viña sendo o seu período de funcionamento habitual.

“A gran demanda que tivo este ano e que se concreta en que máis de 8.800 persoas fixeron uso destas instalacións, até o momento, foi o que nos animou a deixala operativa até mediados do vindeiro mes para que as e os lucenses dispoñan dela como un recurso máis do lecer urbano que ofrece o Concello este verán que, climatoloxicamente falando, chegou tamén un pouco tarde”, indicou o edil Mauricio Repetto.

O concelleiro responsable de área lembrou que as limitacións impostas pola pandemia restrinxiron os niveis de ocupación do recinto. “Tendo capacidade para 1.300 usuarios e usuarias, limitamos o aforo máximo simultáneo a 300 persoas (menos do 30% permitido), tratando de velar en todo momento polo cumprimento da normativa sanitaria con outras medidas como deixar fóra de uso os vestiarios e duchas interiores, ou garantindo que se respectase a distancia de seguridade”, indicou.

Repetto Morban sinalou, así mesmo, que neste 2021 se mantiveron tanto os horarios como os prezos de tempadas anteriores e, recordou que as piscinas permanecen abertas ao baño de luns a venres, de 12:00 a 21:00 horas e, de 12:00 a 20:30 horas, os sábados e os domingos.

“Igualmente as tarifas desta campaña, que seguen sendo das máis baixas de España, son de 1 euro para a mocidade até os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 € para adultos, maiores de 16 anos, (22’30€ o custo do abono) e 11’10 € e 29’90 € o abono para pensionistas e familias, respectivamente”, referiu.

O edil, quixo destacar, alén, a altísima participación rexistrada na programación de ocio organizada pola área de Xuventude e que, nestas vacacións estivais, puxo a disposición da rapazada de entre 12 e 30 anos unha decena de actividades co obxectivo de que puidesen desfrutar e divertirse dunha forma saudable, posibilitando a súa socialización nunha contorna natural e, sobre todo, segura.

Baile moderno e reggaeton, hip hop, introdución á calistenia e tamén ao skate, son algunhas das propostas coas que Xuventude está activando este agosto á mocidade lucense e que se completan con outras na auga como Paddle Surf, paseos en barco Dragón, descensos en Kayak ou rafting, cos que a área que dirixe Mauricio Repetto quere poñer en valor as potencialidades do río, como eixo vertebrador da cidade.

Cómpre salientar a gran aceptación que están a ter entre o público, contabilizando un total de 150 participantes ata a data o que dá boa conta do interese que xeraron e que propicia que, xornada tras xornada, se cubran as prazas dispoñibles”, apuntou o concelleiro que subliñou, ao tempo, o carácter gratuíto de todas elas na aposta decidida do Executivo de Lara Méndez por facelas asequibles e accesibles a toda a sociedade, contribuíndo igualmente á conciliación das familias.