Skip to main content
Lugo

Este ano non haberá casetas do polbo ao quedar deserto o concurso

Por 26 Agosto, 2021Agosto 27th, 2021Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que a licitación das casetas do polbo quedou deserta, ao pecharse o prazo de presentación sen presentarse ningunha empresa ao concurso público. Maite Ferreiro explicou que “este 25 de agosto pechouse o prazo de licitación, e malia que aínda poden chegar ofertas presentadas en tempo e forma noutros rexistros, que tardan uns días en chegar ao Concello, non recibimos ningunha oferta para o concurso no rexistro municipal”. No caso de recibirse ofertas procedentes doutros rexistros, continuarase co procedemento de contratación do xeito habitual.

“Desde a área de Cultura traballamos para facilitar ao máximo as condicións dos pregos, para así permitir que os distintos negocios que quixesen optar a colocar casetas e os caldeiros puidesen facelo tendo a seguridade de que só pagarían segundo a cabida que tivesen en cada momento”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “entendemos que aa incertidume creadas polos cambios impostos constantemente pola Xunta de Galiza nas medidas para a hostalería desincentivaron que moitas empresas se presentasen a xestionar as casetas do polbo”.

A volta das casetas do polbo foi un acordo da Comisión de Festas de xullo. Maite Ferreiro explicou que “de cara ao final do verán celebraremos unha nova comisión de festas para buscar o acordo da Corporación Municipal sobre o retorno do recinto feiral do San Froilán”.

Caldeiros na rúa

A área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida por Rubén Arroxo, permitirá aos distintos negocios presentar solicitudes para colocar caldeiros na rúa, do mesmo xeito que no ano 2020.

Para solicitar colocar un caldeiro, os negocios de hostalería terán que cubrir o impreso número 179, que se pode atopar na páxina web do concello e presentar a documentación requerida a tal efecto.

Reunión da comisión

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o vindeiro mércores terá lugar unha nova xuntanza da Comisión de Festas para poñer en común as distintas posicións dos grupos municipais de cara ao San Froilán 2021.

Na xuntanza, que terá lugar este mércores 1 de setembro, valorarase a volta do recinto feiral nesta edición do San Froilán. A edil de Cultura lembrou que “queremos acordar con todos os grupos da corporación unha decisión de gran peso de cara á organización do San Froilán”. Ademais, a edil de Cultura informará dos avances realizados na contratación do alumeado e da produción.

A edil de Cultura lembrou que os grupos municipais poden achegar na comisión as súas propostas para pregoeira e oferente a Rosalía, ademais de propoñer grupos para os concertos deste ano.

A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión