Skip to main content
LugoMonforteSarria

Comezan os traballos de limpeza en estradas autonómicas de Lugo, Sarria e Monforte

Por 30 Agosto, 2021Sin comentarios

 Comezan no día de hoxe con novas tarefas de limpeza nas marxes de estradas autonómicas na provincia de Lugo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros. 

No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos nas vías de altas prestacións CG-2.1 en Monforte de Lemos, e CG-2.2, en Lugo e Sarria.

Seguridade viaria e prevención de lumes

Estas actuacións completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.  

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”. 

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos. 

A Xunta intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.