Skip to main content
Portomarín

O PSOE denuncia o mal estado da piscina infantil de Portomarín

Por 26 Agosto, 2021Sin comentarios

Os socialistas de Portomarín denunciaron hoxe o “deplorable estado de abandono” no que se atopa a piscina infantil do Concello. “A través das imaxes que amosamos calquera cidadán poderá comprobar que as augas presentan un color insalubre con verdin, e que non compren cos requisitos mínimos, tanto hixiénicos como sanitarios, para poder ser utilizadas”, denunciou a voceira socialista, Silvia Rodríguez.

Así as cousas lamenta que o alcalde e o tenente de alcalde, que cobran un soldo a fin de mes das arcas municipais, estean mais preocupados en saír nas fotos nos medios de comunicación, que en solventar os problemas dos veciños. “Outro ano máis temos que criticar a nefasta xestión do alcalde en relación a utilización das piscinas municipais, xa que en anos pasados vivimos episodios moi semellantes”, replicou.

Silvia Rodríguez lembrou que o Concello concedeu ao Club Fluvial de Lugo a xestión da piscina municipal durante os meses de xullo e agosto, “polo tanto o alcalde terá que esixir explicacións sobre esta xestión a esta entidade”, dixo. Ademais lembrou que nestes intres a piscina infantil continua aberta ao público, “polo tanto esiximos ao Concello que tome xa cartas no asunto, xa que é a piscina que utilizan os nenos e nenas da nosa vila e pode converterse nun foco de infección moi perigoso, máxime nunha situación de pandemia como a que estamos vivindo”, advertiu.

Ademais do abandono evidente no que se atopa a piscina infantil, tamén hai que sinalar o desastroso estado no que está o céspede e as duchas, sempre encharcadas e cheas de suciedade.

Xestión da piscina municipal

A piscina municipal está sendo xestionada polo Club Fluvial de Lugo durante os meses de xullo e agosto do 2021, prestando servicio de socorrista, limpeza así como o mantemento xeral das instalacións durante este período como o servicio de bar, cun custe económico de 2.450 euros cada mes. Hai que lembrar que o Club Fluvial de Lugo é unha sociedade deportiva sen ánimo de lucro, polo tanto está exenta de emitir facturas con IVA.

Sinala ademais que “esta xestión é moi cuestionable, posto que non só as instalacións están nun estado lamentable, senón que a xestión do servicio do bar non existe como tal, xa que só se instalaron unha serie de máquinas expendedoras; e, en canto ao socorrista, só hai unha persoa para este servicio, cando a piscina municipal abre todos os días da semana, en horario de mañá e tarde”.