Skip to main content
Chantada

Por Chantada denuncia os recortes no Ies Lama das Quendas

Por 7 Agosto, 2021Agosto 9th, 2021Sin comentarios

A candidatura veciñal de Por Chantada partilla o profundo malestar da equipa directiva do IES Lama das Quendas pola redución inxustificada do cupo de profesorado para o curso 2021/2022. O centro perde 7.5 docentes con respecto do curso pasado e, según Por Chantada, o que é máis sorprendente é que perde 3 docentes en relación ao cupo de 2012-2020 sen calquera xustificación. Así mesmo, dende a candidatura veciñal sinalan que “a pesar de ter o aval da Inspección educativa desde Santiago aplícase un brutal recorte en plena pandemia, que non ten parangón nin coa época da Grande Recesión (2011)”.

Por Chantada denuncia que as consecuencias deste recorte porán en risco a saúde da comunidade educativa, xa que será imposíbel manter as gardas fixadas no protocolo covid do centro, sobretodo ao comezo da xornada e dos recreos, e que “foron un éxito no curso pasado”.

“Cun recorte tan acusado do profesorado auméntase o risco de que o alumnado non respecte as normas e que poda darse transmisión na comunidade educativa. Tamén os recortes afectarían de cheo á equipa covid do centro, que precisa moitas horas de dedicación”, explicaron.

Así pois, consideran que van supor unha forte mingua na calidade educativa “en contra do espírito da LOMLOE e da propia retórica da Consellaría”. Ademais, sinalan que non se poderá formar grupo de PMAR co que sofre a atención á diversidade, que é un principio fundamental da LOE; periga a educación secundaria de adultos (ESA), que só se oferta nese centro en toda a comarca; reducirase moito a oferta de optativas, terase que suprimir o programa CUALE que leva máis de 20 anos impartíndose; pon en perigo os programas PLAMBE (Plano de Mellora da Biblioteca Escolar) ou o Club de lectura, que tamén suporía detraer recursos económicos; e obrigará a dar as denominadas “afíns”, que ao non seren impartidas por especialistas minguan tamén a calidade educativa.

A candidatura veciñal Por Chantada parécelle “especialmente negativo a perda da ESA, pois é un servizo educativo esencial xa non só para toda a comarca, senón para todo o partido xudicial. As persoas adultas sen a ESO terían que desprazarse até Monforte ou Lalín cando moitas veces o perfil do alumnado é migrante ou persoas con baixos recursos e dificuldades para se desprazaren, máxime coa oferta de transporte realmente existente hoxe por hoxe. Novamente, a obsesión do PP polos recortes mostra a falta de sensibilidade coas persoas e cos servizos para o medio rural”.

Por Chantada condena “enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se suman á amortización dunha praza de administrativo mais unha praza de limpeza que non se repón e que poderían obrigar a fechar o centro en agosto, algo que non acontecía tampouco durante todos estes anos. Non se pode facer política desde un despacho de Santiago ignorando a realidade do rural e os dados e a información que dan os centros. O PP debe abandonar a súa economía planificada de recortes draconianos a base de planos quinquenais que baleiran o rural”.

Por todo isto, dende Por Chantada demandan que os alcaldes da comarca fagan unha fronte común para garantiren a saúde da comunidade educativa e unha atención educativa de calidade que atenda á diversidade e ao sentido común.