Skip to main content
Chantada

Por Chantada sinala a situación do centro de saúde da vila

Por 20 Agosto, 2021Agosto 21st, 2021Sin comentarios

A candidatura veciñal de Por Chantada recibiu queixas da veciñanza e mantivo contactos con diferentes traballadores do centro de saúde de Chantada “para facérmonos unha composición de lugar sobre até onde chega o abandono da sanidade pública por parte de Alberto Núñez Feijoo en plena pandemia”.

Así pois, dende Por Chantada sinalan que “a Xunta malla e boura continuamente no rural e ao interior galego coa aplicación de criterios puramente economicista. Se en días pasados tocaba pronunciarse sobre a falta de prazas na Galiña azul, que obrigan ás familias a iren até outros concellos; ou sobre os recortes no profesorado no IES Lama das Quendas, que ameazan a continuidade da ESA, do CUALE etc.; hoxe toca sinalar que o centro de saúde de Chantada está ao borde do colapso”.

Por esta razón, consideran que a Xunta dá as costas á poboación do interior galego, facéndose cómplice dos alcaldes do PP. Consideran que cada vez existen uns peores servizos o que conleva a que a poboación non fique no lugar e se converta en “cidadáns de segunda”.

“Na primeira quincena de agosto os mércores e xoves só había dúas médicas para todo o centro, a pesar de que a poboación se dispara no mes de agosto na comarca de Chantada e o resto da semana só 3 médicos. Na segunda quincena, só había dous médicos e unha polas tardes que só facía 3 horas, o que malamente dá para atender 30 pacientes, cando só os cupos dos médicos que están de baixa sobrepasan as 2.000 persoas, a maior parte con máis de 65 anos polo que requiren un seguimento e atención maiores que nestas condicións é imposíbel darlle” sinalan.

Ademais engaden, “para facernos unha idea da situación dramática e de colapso do centro: só o pasado venres dous facultativos atenderon máis de 180 pacientes. O mércores, día no que non hai sintrón e, daquela, son consultas máis demoradas, superaron os 75 pacientes por facultativo”. Por esta cuestión consideran que é complicado que con estas condicións a atención sexa de calidade no sistema público de saúde.

Por Chantada “non acredita nas escusas da Consellaría, que se repeten todos os anos, senón que ve unha estratexia deliberada de degradar os servizos públicos e favorecer a mercantilización da saúde. O que oculta o PP é que os médicos prefiren as gardas a contratos por días acumulando cupos de varios facultativos: unha tolemia”.

A candidatura veciñal Por Chantada condena “enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se repeten todos os anos, mais que son especialmente criminosos nun contextos pandémico e cando a Xunta recibiu fondos extraordinarios do Estado para a sanidade. Por Chantada xa denunciara no seu momento este recorte. O PP debe abandonar a súa economía planificada de recortes draconianos a base de planos quinquenais que baleiran o rural”.

“Degradación da sanidade, mingua na oferta educativa, exclusión financeira… un rosario continuado de agresións ao rural, que non se abandona á súa sorte, senón que deliberadamente se procura baleirar. Mentres tanto, que se sabe dos alcaldes da comarca?” conclúen dende Por Chantada.