Skip to main content
Monforte

Presentado o proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde en Monforte

Por 10 Agosto, 2021Agosto 11th, 2021Sin comentarios

Preséntase un novo proxecto de mellora en Monforte que afecta á rúa Roberto Baamonde, a causa do desgaste que presentaba xunto con algunhas deficiencias. Este proxecto está incluído no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural.

O proxecto de actuacións sobre esta rúa, consistirá na reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal e vertical.

Importancia da rúa Roberto Baamonde

A rúa Roberto Baamonde créase a finais do século XIX sobre o trazado da vía que ía desde a Pobra de Brollón a Ourense. O seu primeiro nome como vía urbana foi o de avenida da Liberdade, adoptando o actual nome desde 1.926.

É unha rúa que é atravesada no seu primeiro tramo pola Avda. de Galicia, e conflúen nela numerosas vías de menor intensidade de tráfico, o que a dota dun carácter de colector-canalizador de tráfico que, unido ó limitado da súa anchura, fai que en determinadas horas do día a fluidez do tráfico sexa intensa. Roberto Baamonde é pois unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica coa zona da Estación, saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120.

Actuacións de mellora en Roberto Baamonde

En concreto, as obras que se proxectan consisten nun fresado previo, de 5 cm de espesor, excepto naqueles tramos nos que a urbanización da rúa así o requira por motivo de existir zonas acabadas en adoquín (por exemplo, a zona de Julio Camba e Pr. Do Conde) ou pola existencia dun paso peonil elevado (por exemplo, na parte alta de Roberto Baamonde). En ambas zonas respectarase o acabado existente. Ao resto da vía dotaráselle de nova capa de rodadura de 5 cm de espesor.

Trátase de manter o mesmo nivel de rasante que ten actualmente.

Igualmente reporanse os sumidoiros, pozos e arquetas, tendo especial coidado no seu acabado e nivelación dos elementos metálicos de tapa, de maneira que se garanta a ausencia de ruídos que se xeran ao transitar o tráfico rodado por eles e que adoitan ser especialmente molestos para os residentes da contorna inmediata á vía.

Manteranse as dimensións dos actuais pasos de cebra, xa que que son suficientemente axeitados para o tráfico peonil da zona onde se sitúan.
E finalmente, o Concello reforzará e renovará a sinalización horizontal e vertical, co obxecto de sinalizar a calzada da forma máis clara e lexible posible, con tres liñas para delimitar os dous carrís de circulación, as zonas de estacionamento e os espazos habilitados para carga e descarga. Especialmente, renovarase a sinalización vertical, concretamente no encontro da rúa coa Avda. de Galicia, coa inclusión de dúas sinais verticais de sentido obrigatorio e de prohibición de virar á esquerda, tal como está agora, pero máis completa.

No entronque coa Avda. de Galicia, e previa á realización destas obras, realizarase unha pequena nivelación do entronque das dúas rúas, motivado polo paso da Vuelta Ciclista a España o día 3 de setembro, que despois será retirado.

Licitación do proxecto e prazos

Este proxecto ten un custe de licitación de 74.519,58 euros (IVE engadido), e conta cunha financiación 100% municipal.

O prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación. Polo que, o prazo de presentación estará aberto ata o 4 de setembro ás 14 horas.

A mesa para a apertura do sobre técnico terá lugar o luns 6 de setembro ás 9 da mañá, e a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 8 de setembro á mesma hora. O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 14 días hábiles (tres semanas).