Skip to main content
Monforte

Publicada a licitación para restaurar os retablos da igrexa do colexio do Cardeal

Por 18 Agosto, 2021Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación para a restauración de diversos bens da igrexa do colexio do Cardeal. As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 2 de setembro.

O obxecto é a restauración de diversos bens artísticos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos (4 lotes), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do progama operativo Feder Galicia 2014-2020.

O tipo de tramitación é ordinaria e o tipo de procedemento é aberto. Así mesmo, o orzamento base de licitación é de 86.821,46 con IVE.

As novas actuacións suporán unha completa intervención nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías, San Xosé de Calasanz, Santo Cristo, San Xosé, Virxe das Dores, Virxe de Fátima, Santo Antón e a Adoración dos Reis, xunto co púlpito e o tornavoz.

Os traballos incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.

Cómpre lembrar que están en marcha as obras de conservación da estrutura, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste 420.000 euros e que previsiblemente rematen no outono. Afectan á igrexa, o claustro e as áreas de visita pública, e resolverán as afeccións que sufre o inmoble, entre elas as gretas provocadas polo célebre terremoto de Lisboa de 1755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir.

A intervención suporá evitar as filtracións na cuberta do presbiterio, arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa -que se reformou por última vez no ano 1835-, reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos que afectan tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

O colexio Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como colexio de Nosa Señora da Antiga, está protexido polo seu valor cultural, xa que foi decretado Ben de Interese Cultural (BIC) en febreiro deste ano e ademais está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. Amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros.

Na mesma liña, destaca tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.