Skip to main content
Monforte

Continúan as inversións no polígono do Reboredo en Monforte

Por 26 Agosto, 2021Sin comentarios

O parque empresarial do Reboredo, en Monforte, acolleu a visita de varios membros da Xunta, que estiveron acompañados por José Tomé, alcalde Monforte, xunto con outros concelleiros.

En concreto, o Goberno galego destina preto de 318.000 euros ao parque do Reboredo para acometer os traballos de mellora e ampliación dun camiño público –o único que queda por urbanizar– que permitirá pechar este polígono polo lado este e pasar dunha vía de menos de catro metros de ancho a unha rúa de 16,5 metros con aparcamento e beirarrúas a ambos lados da calzada.

Ademais, a partida permitirá a adecuación de parte dunha nave industrial para a creación dun viveiro empresarial de 180 m² que favoreza a implantación de novas compañías. Trátase dun dos catro espazos deste tipo impulsados este ano na provincia de Lugo, xunto aos de Corgo, Paradela e Bóveda.

Aposta firme do Concello de Monforte polo polígono do Reboredo

O polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do ámbito territorial local.

Neste senso, durante o presente ano 2021, pecháronse 7 operacións de venta de terreos, que supoñen un total de 51.000 metros cadrados. As ventas destas parcelas alcanzaron 1.085.923 euros.

Boa mostra da saúde da que goza é a necesidade da ampliación do polígono para cubrir a demanda actual, necesidade que dende o Concello xa lle foi solicitada hai unhas semanas á SEPE e a Suelo Empresarial del Atlántico, que é a entidade que se encarga da xestión e venta das súas parcelas de uso industrial.

Novas actuacións de mellora

No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello licitou o proxecto para a conversión dun camiño público do polígono nunha nova vía que facilitará as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación.

Neste proxecto, o Concello investirá case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros, para acadar unha vía de 16,50 metros de ancho e dotada de todos os servizos de iluminación, saneamento e beirarrúas.

Outra das iniciativas propias nas que se está a traballar xa é na rehabilitación dunha nave do polígono, propiedade municipal, para convertela nun futuro viveiro de empresas, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino supera os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros, e con posibilidades de ampliación, si fose necesario.