Skip to main content
Monforte

Monforte celebra dous obradoiros sobre xestión de solos agrícola

Por 31 Agosto, 2021Sin comentarios

Monforte de Lemos celebra dous obradoiros sobre xestión de solos agrícola. Ambos están programados para o vindeiro luns, día 6 de setembro, e desenvolveranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos.

O primeiro dos talleres realizarase en horario de mañá (entre as 10 e as 14 horas) e tratará sobre a determinación de textura e pH do solo de labor. Mediante este obradoiro preténdese que o alumno sexa quen de coñecer e interpretar as características básicas do solo, co fin de optimizar ou enfocar adecuadamente os traballos profesionais desenvolvidos sobre eles. Ten especial importancia para coñecer a solubilidade dos nutrintes e que poidan estar dispoñibles para o cultivo.

O segundo obradoiro desenvolverase pola tarde, en horario de 16 a 20 horas. Tratará arredor da determinación da erosión, escorrenta e lixiviación en solos labrados. O seu obxectivo é representar diferentes solos agrícolas e simular o seu comportamento ante as precipitacións en función de aspectos como a textura do solo, a presencia ou ausencia de cobertura vexetal e a inclinación do terreo.

Tamén se pretende exemplificar os procesos de lixiviación de contaminantes a través de diferentes perfís de solo, facendo simulacións de solos de diversas texturas e horizontes.

Ambas accións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Inscrición nos obradoiros

Todos os interesados poderán inscribirse nestes obradoiros cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal ou maria.lourdes.diaz.fernandez@edu.xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.

A través de accións formativas como estas, que se enmarcan no plan de formación continua 2021 da Agacal, a Xunta aposta pola continua profesionalización do sector. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.