Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón continúa coas visitas guiadas

Por 5 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello da Pobra do Brollón propón unha variada oferta de lugares a visitar dentro do programa Déixate guiar, que este ano está tendo gran afluencia de xente. No tempo que levan en marcha dende o 15 de xullo, participaron algo máis de 250 persoas, cunha media diaria de 20 visitantes. As propostas son o Castro de San Lourenzo, Adegas de Vilachá, Os Conventos, Cova das Choias e, como novidade deste ano, as Penas do Castelo en Salcedo.

Estes lugares distribúense polo municipio brollonés tocando varias parroquias e variando dende a paisaxe do Val de Lemos, a Ribeira Sacra e a paisaxe courelá.

Ademais destes proxectos ligados á arqueoloxía, as visitas á Cova das Choias e ás Adegas de Vilachá gozan de gran aceptación entre os visitantes.

As cifras das visitas en xullo auguran un agosto con moito movemento de visitantes, o que coincide co que se está a sinalar dende outros organismos turísticos.
As visitas máis demandadas están sendo Os Conventos en Vilachá polo efecto Ribeira Sacra e Penas do Castelo en Salcedo, en parte polo efecto novidade. A Cova das Choias esperta moito interese mais por mor das medidas de protección do espazo non pode acceder todo o mundo; de feito as reservas xa están completas ata o 22 de agosto.

Este ano as visitas guiadas do Concello contan ademais co reforzo de Cristina Rodríguez Saa que está a realizar as prácticas do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turísticas.

As visitas continúan ao longo do mes de agosto, de mércores a domingo ás 11 horas. O lugar a visitar cada día adáptase á demanda dos usuarios. Todas as visitas son gratuítas excepto a das Adegas de Vilachá, cun custe de 3 euros que cubre unha cata na Adega Val do Frade.