Skip to main content
Quiroga

O PSOE de Quiroga denuncia as carencias médicas do centro de saúde

Por 10 Agosto, 2021Agosto 11th, 2021Sin comentarios

A Agrupación Socialista de Quiroga fíxose eco das denuncias realizadas polos propios facultativos sanitarios da vila, así como da propia veciñanza, sobre as carencias médicas que sofre o centro de saúde. Denuncian que dos 3 médicos que hai en plantilla só están traballando 2, xa que non se cobren as vacacións. Ademais critican que este abandono da atención primaria “acentuase coa situación de pandemia que estamos vivindo”.

Advirten tamén que os propios profesionais sanitarios de Quiroga están saturados, “xa que atenden a unha media de 50 pacientes ao día, ademais de ter que asistir aos domicilios e realizar o turno de garda”.

Dende a Agrupación Socialista de Quiroga lembran “levamos moito tempo denunciando esta situación de abandono da Atención Primaria por parte do Sergas, xa que a falla de médicos que cubran baixas ou vacacións agrava a situación xa precaria que padecemos pola falla de facultativos na nosa vila”.

Hai que ter en conta tamén que Quiroga conta con poboación envellecida que require unha atención máis prolongada e especifica, e que engadido ao período vacacional no que aumenta a poboación considerablemente, “fai que o centro de saúde este baixo mínimos”, denuncian.