Skip to main content
Sarria

Presentado o XVI Festival Internacional de maxia vila de Sarria

Por 2 Agosto, 2021Agosto 3rd, 2021Sin comentarios

Chega, por décimo sexto ano consecutivo, a maxia a Sarria a través do XVI Festival Internacional de maxia vila de Sarria. As datas nas que se realizará o evento serán do xoves 19 ata o domingo 22 de agosto e congregará a un total de 16 magos, repartidos en catro días onde haberá un montón de eventos en diferentes puntos de Sarria.

Este ano, o festival conta con artistas de alto nivel que traerán, un ano máis, unhas xornadas máxicas dirixidas a todos os públicos. Algúns dos artistas que estarán na vila para mostrar o seu talento serán Jorge Blas, a ventrílocua Celia Muñoz -gañadora de Got Talent España-, Mario López e Miguel Muñoz -ambos campións do mundo-, Miguel Ángel Gea, Dania Díaz -finalista tamén de Got Talent-, Jaime Figueroa, Raymon, Román García, Jessica Guloomal, Samuel Moreno, Daniel Sánchez, o mago Iago, Magic Mateo e Kayto, entre outros.

O xoves 19 dará comezo o festival ás 16.30 horas con maxia na residencia de maiores a través do artista Samuel Moreno. Ás 17 horas, será o turno da maxia infantil con Don Dino xoguetería, que contará con tres pases para que ningún neno nin nena quede sen disfrutar do espectáculo. Así pois, os magos encargados serán Magic Mateo, Raymon e Mago Iago.

Xa ás 20 horas realizarase a gala Sarriaesmagia no Meigallo. Para poder asistir será preciso reservar no Meigallo ou chamar ao número de teléfono 607 405 088. Os magos Dania Díaz, Román García, Roberto Lolo, Raymon e Miguel Ángel García serán os encargados de facer disfrutar aos espectadores dunha gala intensa, emocionante e cargada de ilusión e maxia. Para rematar o día, ás 23 horas, será o turno de maxia de salón no restaurante O Chanto. Nesta actuación tamén será preciso reservar entrada no restaurante O Chanto ou chamando ao número de teléfono 665 804 525. Os encargados desta actuación serán Daniel Sánchez e Jessica Guloomal.

Ao día seguinte, o venres día 20 de agosto, a xornada comezará de novo pola tarde, máis concretamente ás 16.30 horas. O espectáculo que se levará a cabo virá da man de Román García, no Capd de Sarria. Ás 17 horas, Daniel Sánchez, Jessica Guloomal, Samuel Moreno e Roberto Lolo, trasladarán a maxia ao Buril con actuacións para toda a familia.

A continuación, ás 10.45, a praza de Santa Marina acollerá a gala Maxia no Camiño, cos magos Dania Díaz e Raymon e, finalmente, ás 23 horas realizarase unha gala no Meigallo na que Miguel Muñoz, Jaime Figueroa, Mario López e Jessica Guloomal serán os encargados de encher o espazo de incredulidade e trucos únicos. A entrada haberá que reservala no Meigallo xa que as prazas son limitadas.

Chegados ao fin de semana, o sábado 21, o festival contará cunha actuación ás 13 horas de maxia de preto -un tipo de maxia de corta distancia onde o número de espectadores é reducido-, nas terrazas do Malecón, con Samuel Moreno, Román García e Daniel Sánchez coma protagonistas. Xa pola tarde, ás 18 horas, haberá un espectáculo de maxia infantil na Unión titulado Todo polo soriso dun nen@. Neste caso, os magos encargados serán Kaylo, Jessica Guloomal, Daniel Sánchez e mago Iago.

Ás 20 horas, Miguel Ángel Gea, Miguel Muñoz e Mario López realizarán a gran gala maxia de preto, na casa da Cultura e para pór punto e final á xornada, Jaime Figueroa, Celia Muñoz, Samuel Moreno e Jessica Guloomal serán os protagonistas da gala Sarriaesmagia no Meigallo. Para esta actuación tamén será preciso reservar no Meigallo.

Finalmente, o domingo 22 de agosto haberá tres actuacións. En primeiro lugar, ás 13 horas, farase unha sesión de Open Magic no As de Pikas, presentado por Jaime Figueroa. Trátase dunha proposta do propio Figueroa que está triunfando en Madrid e na que tamén participarán Miguel Ángel Gea, Mario López, Jorge Blas e Celia Muñoz. É preciso reservar entrada no As de Pikas.

Xa pola tarde, ás 18 horas, realizarase de novo a gala infantil Todo polo soriso dun nen@ no Meigalo, que virá da man de Kaylo, Román García e Jessica Guloomal e para a que será precisa a reserva de entradas no propio Meigallo. Para rematar e poñer o broche de ouro a catro xornadas cheas de maxia e ilusión, a praza da vila acollerá a gran gala final na que participarán Miguel Muñoz, Roberto Lolo, Raymon, Jessica Guloomal, Mago Iago, Celia Muñoz, Jaime Figueroa e Jorge Blas.

Un festival que leva 16 anos regalando maxia e ilusión á vila de Sarria grazas aos diferentes artistas de todo o mundo que pasaron, nos que se puido disfrutar de actuacións únicas e especiais. Así mesmo, son 16 anos consecutivos despois de ser un dos poucos festivais en realizarse o ano pasado, un ano complicado no que a maxia non fallou e puido sacar sorisos e ilusión na vila.

Dende a organizacións sinalan que a programación está suxeita a posibles cambios a causa da actual situación sanitaria. Por esta razón, recoméndase que nesos días, as persoas interesadas estean pendiente da páxina do Concello, así coma das redes sociais de Roberto Lolo polos posibles cambios que se poidan realizar.