Skip to main content
Samos

Samos celebrou o domingo a III Feira do turismo e do Peregrino

Por 9 Agosto, 2021Sin comentarios

Este domingo celebrouse a III edición da Feira do Turismo e do Peregrino de Samos, que reuniu no campo da festa unha exposición de artesáns, actuacións musicais e degustacións do tradicional polbo á feira.

Esta cita, que conta cunha achega da Deputación de Lugo de 16.000 euros -financiados a través do Plan Único- está marcada nesta terceira entrega polas medidas sanitarias para garantir a seguridade dos asistentes.

Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, destacou a importancia da celebración desta feira que “contribúe a dinamizar a vida social e a vida económica do concello de Samos” e engadiu que este tipo de iniciativas son “agora máis necesarias que nunca para a recuperación do sector turístico, hostaleiro e do comercio local fronte ao impacto das restricións provocadas pola pandemia”.

A mostra de artesanía abriu ao público onte pola tarde, coincidindo coa proxección dun vídeo de promoción turística do municipio de Samos e do Camiño nunha pantalla xigante. Contra a tardiña tiveron lugar as actuacións musicais de La Ocaband e Pili Pampín.