Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “A día de hoxe sería bon que houbese xente nova que intentara tirar por esto”

Por 23 Agosto, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Julio Francisco González, presidente de Meigas e Trasgos, destaca a necesidade de que xente nova con proxectos, gañas e novas ideas, se una á asociación. Así mesmo, fala do que hai planificado para a Noite Meiga de este ano.

Cando naceu Meigas e Trasgos e por qué?

As orixes son sobre o ano 68 aproximadamente pero, realmente, inscribiuse como asociación no ano 72. A asociación responde, fundamentalmente, a unha inquietude dunha persoa, Carmela Fernández que foi a fundadora de Meigas e Trasgos e que promoveu este tipo de actividades porque non había nada de tipo folclórico.

Dende cando é presidente?

Vai facer 10 anos, empecei porque se non se metía ningúen na directiva, desfacíase o grupo e desaparecía Meigas. Eu, xunto con máis xente que continúa na asociación, participamos en Meigas dende os 8 anos polo que nos doia que desaparecera unha asociación con esta historia simplemente porque non había quen a atendera e quen a levara. Intentamos recuperala a través das actividades propias de Meigas, despois de que estivera parada e sin actividade, ou cunha actividade mínima durante case 10 anos. Fundamentalmente, nela realízanse clases para que todos os pequenos poidan probar polo menos, dentro da cultura tradicional, a música e o baile. Empezamos así, simplemente para ver se podíamos seguir cara adiante.

Que actividades ofrecen?

Clases de percusión na que hai pandeireta, tambor, bombo e charrasqueta, clases de gaita, clases de danza tradicional galega e, ademais das clases, participar no grupo facendo actividades, actuacións e saídas polos arredores de Sarria, entre outras.

Como foi evolucionando?

Positivamente pero moi despaciño. Porque comezamos case de cero, co edificio practicamente abandonado de moitos anos, sen reparacións, con goteiras… un desastre e sen cartos porque non había socios. Había anos que non se pasaban os recibos polo que non había diñeiro para reparacións. A factura que estaba pendiente de auga e de luz era de miles de euros e empezar así é moi costoso e difícil. Sen embargo, fumos pouco a pouco e a día de hoxe temos a economía saneada, o edificio xa está en bon uso e temos sobre 170 socios. Os nosos socios son 170 pero eses son os titulares; en realidade nós facemos socios por familia ou por unidade familiar, é decir, a parella e os fillos entran dentro dun socio familiar. O noso fin e a nosa meta é que todo o mundo poida acceder a esto, para poder beneficiarse das clases e de ser socio de Meigas, por iso só cobramos por unidade familiar 30 euros ao ano.

Fai moito que se recuperou a actividade dende esta situación?

Hai 10, dende que empezamos na directiva. Ao principio, como non tiñamos cartos para profesores, nin para, polo menos, pagarlles o desprazamento, comezamos dando clases os da directiva. Eu iniciei dando clases de gaita, outros de baile, outros de percusión… Así saíamos do paso. Ao primeiro tamén tivemos que facer ás veces de obreiros e de limpadores.

Pero conseguiron saír cara adiante…

Bueno sí, daquela había moitas gañas, a día de hoxe sería bon que houbese xente nova que intentara tirar por esto. É preciso que veñan socios con novos aires e novas iniciativas para innovar. Nós, non é que esteamos cansos, pero falta o ímpetu e o impulso que se lle pon aos proxectos novos. Sería bon pero actualmente é complicado buscar xente que se anime a comprometerse neste tipo de actividades, que non reportan economicamente absolutamente nada, senón que moitas veces costan cartos aos que temos a responsabilidade. Sen embargo, merece a pena, é algo importante de manter.

Entón hai plans de futuro?

Sí claro, nós queremos seguir medrando. Por desgraza o último ano que íamos celebrar a Noite Meiga, sendo o 50 aniversario, chegou o ano da covid e quedamos sen celebrala. Foi unha mágoa porque queríamos facer unha festa por todo o alto, enorme e, ao final, xa son dous anos que non a celebramos. Esperemos que para o ano xa estea superada a crise e poidamos celebrar o 50 aniversario como se merece.

Partindo deso, hai moitos proxectos, sen embargo cartos hai poucos. Dende hai 8 ou 10 anos, coa pasada crise, acabouse a financiación da cultura. Hoxe en día apenas hai subvencións, solo para cousas moi puntais. Antes, para a cultura invertíase moito, dábanse axudas para materiais, actuacións e todo ese tipo de cousas que son imprescindibles pero que, a día de hoxe, non se dan. Por iso, traballamos con presuposto cero en cada unha das actividades que realizamos tendo que pedir ou buscando axudas para que non lle custe nada ou case nada á asociación e poidan saír adiante as diferentes actividades que facemos.

Queremos saír adiante pero de forma diferente. Por exemplo o magosto. O magosto tradicional celébrase en todos os lados, sempre é unha complicación e acaba sendo igual que o resto. Por iso, nós decidimos ir máis aló e realizar unha xornada mitolóxica. Unha xornada de outono na que, en lugar de castañas, íamos ás setas. Gústannos as cousas dese tipo, polo que procuramos poñer algo de imaxinación para xuntar aos poucos recursos cos que contamos para facer pouco a pouco actividades.

Este ano que non se vai celebrar a Noite Meiga, van facer algunha actuación ou espectáculo?

Sí, todavía está por pechar o programa porque cada día a situación cambia e pensas se pode merecer a pena ou si vas a poder celebrar algo. A intención é facer, simplemente, unha actuación dos nenos e nenas que bailan e do grupo de gaitas o mesmo día da Noite Meiga, o sábado 28, sen entrega de agasallos, sen pregón e sen a danza. Imos facer unha Noite Meiga pero sen festexar o 50 aniversario. Ao fin e ao cabo, non queremos facer un 50 aniversario con limitacións de aforo e con este tipo de circunstancias coas que é imposible facer unha festa que merece o 50 aniversario.

Ademais, o domingo despois da Noite Meiga facemos a festa da empanada, algo que imos manter igual porque, realmente, son grupos pechados. Cada grupo colle unha mesa que está separada das outras. É unha actividade que permite levarse a cabo coas circunstancias nas que estamos sen correr grandes riscos. No caso da Tardiña Meiga igual porque é a mesma situación. Non hai aglomeracións de xente nin hai que limitar o aforo porque en Meigas temos, por sorte, un espazo perfecto e suficientemente grande para ese tipo de cousas.

A pandemia foi un golpe duro para a asociación?

A verdade é que sí, quedou conxelada a actividade e, de feito, no ano 2020 non pasamos nin as cuotas. Sen ofrecer nada non nos parecía correcto e consideramos que xa suficientes problemas económicos tería a xente. Nós optamos por non cobrar ese ano, sen embargo, este ano sí que imos pasar os recibos para arrancar, senón tampouco se pode facer nada.

Tras a pandemia, pensaron en algún momento cesar a actividade?

Non, dende logo que non. A nosa teima é precisamente para que non se acabe e que Meigas poida durar outros 50 anos se pode ser. Simplemente porque pensamos que merece a pena manter a cultura que temos e non deixar que morra, nin que se perda. Paréceme fundamentar aportar polo menos, o noso grao de area. Ademais, consideramos fundamentar dar a coñecer á xente a súa cultura porque realmente sin este tipo de grupos ou asociacións, a cultura popular e do pobo acabaría perdida. Os nenos e nenas teñen que probar, participar e saber como funciona esto, xa despois decides se segues ou non segues. O caso é que despois de telo practicado e coñecido, cando o volves ver, xa che pica máis, xa o miras doutra maneira. Hai xente que, de feito, emprende cando son adultos. Nese sentido penso que é unha labor importante e bonita ao mesmo tempo.

Que considera que significa para Sarria esta asociación?

Hai que recoñecer que significou máis do que significa, por desgraza é así. O parón que tivo provocou feridas e, de feito, casi feridas de morte. Pero bueno, é imposible manterse arriba sempre e ten que haber altos e baixos, momentos mellores e momentos nos que a cousa vai algo peor. É algo inevitable.
Antes, cando comezou Meigas, durante ao mellor 20 ou 30 anos, toda a xuventude de Sarria pasou por ahí. Era o que había. A xente nova, para saír un día por Sarria íase alí e a asociación tivo moitas actuacións a nivel internacional e nacional. Era raro que non se pasase por esa parte da aprendizaxe, polo que tivo moita relevancia nese sentido. Ademais, antes invitábanse a moitas autoridades importantes e a personaxes de especial relevancia que viñan dar o pregón ou estar alí. Naquela época facíase así, agora iso non ten sentido facelo desa maneira. É outra sociedade e outra maneira de entender a cultura, polo que hai que comezar dende abaixo e ir pouco a pouco facendo o labor e traballando nese sentido. O traballo do día a día é ir medrando, chegando a canta máis xente mellor e mostrando a cultura que temos.

Por iso tamén é importante que se renove a directiva e non só directiva senón tamén os socios, que veña xente con ideas, con impulsos e con novos proxectos. É o máis complicado que temos agora mesmo, buscar xente nova, xente con gañas de traballar, de facer cousas e, actualmente, é o labor co que deberíamos pasar máis tempo e invertir máis recursos.