Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O festival converteuse nunha tradición na vila”

Por 8 Agosto, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Roberto Lolo é un namorado da maxia dende que é un cativo e, dende hai 16 anos, organiza con moito cariño o Festival de maxia de Sarria para agradecerlle á xente da vila estes anos.

Dende cando levas no mundo da maxia?

A primeira vez que vin maxia foi en Suiza, onde nacín e onde me criei os primeiros anos da miña vida. Levaron a un mago á gardería cando eu tiña dous años e non se esqueceu en ningún momento. Acórdome do nome, de como ía vestido, de como era… de todo. Ahí foi cando comezou o meu namoramento pola maxia e, dende entón, meus pais sempre me dixeron que facía de mago. A miña primeira actuación foi con dez anos nas festas do meu pobo, en Vilar de Sarria e dende daquelas comezou todo. Fixen maxia coma afección e, con vinte e algo anos, compaxineino sendo DJ. Despois tiven que elixir porque non tiña máis opción e optei pola maxia. Actualmente levo sobre vinte anos coma profesional.

Entón, pódese vivir da maxia a nivel profesional?

Sí, eu vivo diso. Pódese vivir de calquera profesión sempre e cando traballes moito, sexas profesional, respectuoso e intentes facer as cousas ben. Hai veces que a xente pensa que non é unha profesión, senón un hobby, pero non, é unha profesión e eu vivo centrado na maxia as 24 horas do día.

Consideras que Sarria é unha vila con vinculación a maxia?

O festival leva 16 anos celebrándose. Ao final, a xente xa o ten interiorizado, todo o mundo sabe que hai un festival de maxia aquí que coincide en agosto e de feito, hai xente que programa as súas vacacións para que coincida co festival. Tamén hai xente de fóra que vén exclusivamente para iso.

Concretamente de Sarria sí que considero que existe un vínculo, porque senón, este festival non sería posible e a xente non respondería como responde. Eu vexo que ese vínculo se fai máis grande. De feito, nestes 16 anos, vin a nenos facerse adultos e continuar asistindo ao festival, vin adolescentes que agora son pais e que traen aos seus fillos ao festival e vin aos pais que agora son avós e que continúan vindo ao festival. Converteuse nunha tradición na vila e o máis bonito é ver como foron crecendo os máis pequenos e se converteron en adultos.

É unha das cousas das que máis orgullosos me sinto, de como vin crecer ás persoas e como veñen aquí. Hai un vínculo emocional que se ve ao longo do ano e nos agradecementos da xente. É algo que a vila valora moito porque ao final, faise un festival chulo, con grandes artistas internacionais que actúan nos mellores teatros do mundo; xente como Jorge Blas, Jaime Figueroa, Miguel Muñoz…

Comezaches a realizar o festival con vinte anos aproximadamente, non che supoñía un gran esforzo?

Non porque sempre o fixen e continúo facéndoo con moitísimo cariño, como agradecemento á xente de Sarria por todos estes anos. Sí que é un esforzo pero é algo que fago encantado. Ti cando fas algo de corazón, falo doutra maneira e eu en ningún momento me sentín obrigado a facelo. Fágoo polo cariño que lle teño a Sarria e á xente de aquí e, de feito, aínda que tamén estou moito por Madrid, intento estar en Sarria a maior parte do tempo.

Que é o que máis che gusta da maxia?

O efecto que produce nas persoas. Xente que ao mellor ten un mal día ou que está pasando por un mal momento, que é algo que me din moito nesta época a causa da covid, esquécese de todo o que hai arredor e ponse feliz. É o que máis me gusta, a reacción da xente. Incluso en persoas que non cren na maxia e que lles gusta o espectáculo ou incluso pais que tan só van por ver aos seus fillos felices e iso é algo que os fai feliz. É algo marabilloso. O que máis me gusta, sen dúbida, é iso, a reacción que produce na xente que o ve.

En canto a outros artistas, hai algún mago co que non actuaches e que che gustaría actuar?

Eu admiro a un montón de magos e puídenos coñecer a practicamente todos. O único que non coñecín é precisamente o que máis admiraba de novo e que era un referente para min: Pepe Carrol. Morreu fai uns anos e foi o único que, xunto con David Copperfield, nunca puiden ver en persoa. O resto que admirei, por sorte, puiden coincidir con eles e, aínda que non compartín con todos eles escenario, si que compartín vivencias en seminarios e convencións de maxia, algo que valoro moito. Eu son feliz compartindo escenario con calquera artista pero, se teño a oportunidade de admirar a alguén, máis que compartir escenario prefiro compartir charlas. Ao final iso é o que máis me enriquece a nivel persoal e co que máis me quedo.

O ano pasado realizaches o festival cunha situación sanitaria difícil, como foi levalo a cabo?

Si que foi máis complicado en comparación a anos anteriores que estaba todo máis relaxado. O ano pasado todo era máis difícil porque se complicou a vida de todo o mundo. Foron momentos de moita incerteza na que non se sabía moi ben que ía ocorrer. Organizar a parte da maxia do festival e toda esa parte, ao ser tantos anos, non houbo problema. O problema chegou cando se uniu a parte sanitaria xa que é algo do que entendo menos e foi un sobre esforzo. Non é que houbera medo, era máis respecto polo que intentabas facer as cousas o mellor posible. Ao final, todo saíu ben e a xente de Sarria portouse de maneira alucinante, para min foi un exemplo de comportamento, civismo e educación. Todo o mundo estaba moi concienciado e houbo unha resposta incrible, non esperábamos tanto. De feito, enchéronse os aforos permitidos e o sufrimento polo tema sanitario mereceu a pena vendo o resultado final.

Que significa para ti o festival?

É coma un fillo, sempre o digo. Eu non teño fillos e véxoo un pouco coma iso, nace, tes que coidalo, mimalo, vai crecendo, telo que educar e facer o mellor posible. A verdade, é moi importante porque é algo co que podo ver a veciños, veciñas, xente de aquí de Sarria, felices e contentos neses días. O que máis me gusta da miña profesión é facer feliz á xente e diso se trata. Para min é a maior satisfacción, ver a reacción da xente. De feito, fun moitas veces a hospitais a actuar de maneira benéfica para xente enferma e é duro, pero cando os ves sorrir pese a todo, sabes que estás facendo as cousas ben e que, no meu caso, elixín o camiño correcto e a mellor profesión.