Skip to main content
Uncategorized @gl

Organizan nas Pontes un curso de márketing dixital para desempregados

Por 31 Agosto, 2021Xuño 21st, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes, xunto a Fundación Paideia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; a Escola de Organización Industrial e a Asociación Seara van desenvolver un curso gratuíto de Márketing Dixital, empregabilidade e cooperativismo, e no que participarán 20 mozos e mozas, menores de 30 anos e en situación de desemprego.

Este obradoiro, que arrincará o 17 de setembro, desenvolverase de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas nas dependencias da Casa Dopeso, e contará con 250 horas de formación, entre clases grupais e titorías individualizadas, coas que se buscará que os rapaces e rapazas participantes poñan en marcha proxectos de cooperativismo no sector do marketing dixital.

Onte, o alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; xunto co vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara; e o presidente da Asociación Seara, José Castro, presentaron esta nova acción que tamén se desenvolverá, de xeito simultáneo, no Concello de Boiro.

González Formoso agradeceu o papel das diferentes administracións involucradas no proxecto e apuntou que, mediante este curso, “darase unha oportunidade a aqueles e aquelas que teñan unha idea no ámbito dun sector tan puxante como é do marketing dixital”.

O primeiro edil fixo tamén un chamamento á participación da veciñanza nesta oportunidade que calificou de única para os mozos e mozas que desexen apostar polo emprendedurismo neste sector.

Pola súa banda, Guillermo Vergara explicou que se trata dunha oportunidade única para a mocidade xa que non é precisa unha formación previa. O vicepresidente da Fundación Paideia deu conta das dúas fases nas que se dividirá esta iniciativa: a primeira, que se desenvolverá ata o 17 de decembro, contará con formación intensiva na materia e ata poñencias de exitosas experiencias coma a do restaurador de Carril, Iago Pazos, do Loxe Mareiro, que afondará na importancia do marketing dixital para un negocio coma o que rexenta, ou Alberto Rodríguez Boo, director de Aldá Hoteles.

Xa na segunda fase escolleranse un total de dez proxectos, entre os propostos nos cursos de As Pontes e Boiro, que recibirán apoio económico e tamén comercial durante un ano para a súa materialización e co que colaborará a Asociación Seara, que cederá as súas instalacións para acoller a posta en marcha destas ideas.

INSCRIPCIÓNS

As inscripcións para participar neste curso estarán abertas ata o 7 de setembro e poden realizarse de xeito telemático, mediante o formulario activo na web da fundación Paideia (https://paideia.es/formacion-marketing-dixital/).

En canto aos requisitos para tomar parte no curso, os participantes deberán ter entre 18 e 29 anos, estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e atoparse en situación de desemprego. Asemade, tamén se desenvolverá unha entrevista telemática a cada candidato e candidata como criterio de selección.