Skip to main content
Vilalba

“Fai falta traballo, ideas claras e vontade de servir á xente”

Por 1 Agosto, 2021Agosto 3rd, 2021Sin comentarios

Modesto Renda é o líder de Vilalba Aberta, partido que facilitou o cambio de Goberno e no que estivo integrado durante os primeiros meses. Agora ocupa un lugar destacado como oposición.

Que valoración fai desta nova etapa na oposición, logo de pasar polo Goberno de forma breve?

En xuño de 2020 asumimos a saída do goberno sen dramas e sendo moi conscientes da nosa responsabilidade, máis se cabe tendo en conta que había tres anos de lexislatura por diante. E é por isto que, dende o día un da nosa volta á oposición, redobramos enerxías e traballo co obxectivo de levar a cabo unha labor de oposición municipal seria, rigorosa e en positivo.

Un ano e dous meses nos que, pleno tras pleno, presentamos e conseguimos ver aprobadas iniciativas traballadas, contrastadas e por enriba de todo xustas; pero que se quedaron no caixón, logo de se atopar coa inacción e o boicot sistemático do goberno en minoría do Partido Socialista. Precisamos dun goberno que escoite en lugar de que bloquee. Fai falta traballo, ideas claras e vontade de servir á xente, incluída a que non pensa coma ti.

E dende a oposición como ve estes dous anos de cambio de Goberno municipal?

O que acadamos ámbalas formacións políticas en maio de 2019 foi un fito histórico e moi pouca xente pode entender que, nun momento tan crítico económica e socialmente para a veciñanza, cun Concello paralizado; o PSOE vexa a Modesto Renda e a Vilalba Aberta coma rivais políticos en lugar de coma aliados cos que poñer a funcionar Vilalba.

Aínda con todo, a pesares do acontecido e da desilusión lóxica da xente, negámonos a crer que non existe máis alternativa que isto que temos agora ou a volta do Partido Popular.

Cómpre unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común, independentemente de onde veñan ou do que votaran no pasado, pois, o importante non son os partidos, son as persoas, os feitos e a capacidade de mellorar con pequenos pasos a vida dos vilalbeses/as. Con ese espírito, Vilalba sería imparable. 

Dende o principio defendeu a posta en marcha das axudas covid como unha prioridade. Estas seguen sen poñerse en marcha. Como ve esta situación?

O Programa Municipal de Axudas Directas a Autónomos e Empresas exemplifica perfectamente o anterior: Unha iniciativa que, como responsable de comercio defendín sen éxito no contexto do goberno de coalición e que, logo de que o PSOE decidira poñer fin ao pacto, conseguín, por ata tres veces ver aprobada en Pleno, aínda que sen efectos na práctica en base ao inexplicable bloqueo do Goberno Municipal. A nosa man segue tendida.

Cales son as principais reivindicacións de Vilalba Aberta?

A aprobación duns Orzamentos, pois, máis alá dunha obriga do goberno, é condición indispensable para a recuperación económica post Covid.

Non  podemos entender que o PSOE siga gobernando por decreto co presuposto do PP e non pode haber descanso para Vilalba Aberta namentres as necesidades das parroquias, dos autónomos e das familias traballadoras non estean blindadas nunhas novas contas municipais. Ao PSOE ofrecémoslle pactar os de 2020 e os de 2021. Seguiremos insistindo.

Cales son os principais problemas de Vilalba agora mesmo?

Que Vilalba sega a ser unha negativa excepción en materia de contratación e réxime interno, en base á incapacidade do goberno para sacar adiante a R.P.T (Relación de Postos de Traballo) é unha cuestión central. Como central é a problemática que se deriva da incapacidade para desbloquear o P.X.O.M ou a problemática da traída municipal.

Por se fora pouco, un servizo público fundamental para a veciñanza de vila e parroquias, como é o de recollida de lixo e limpeza viaria suma, a día de hoxe, 10 meses fóra de contrato e as traballadoras do servizo de limpeza nos colexios e instalacións levan entre 9 e 12 meses sen cobrar.

Nestes últimos días mostraron unha gran preocupación pola situación das traballadoras da limpeza. Cal consideran que é o problema?

Pois que, precisamente, falamos dunha problemática denunciada diante do goberno polas mesmas traballadoras e por Vilalba Aberta en decembro do pasado ano. A empresa acumulaba naquel intre tres meses de impagos; mais, de xeito incomprensible, un mes despois, en xaneiro de 2021 e xusto cando remataba a concesión, o goberno local non só non lle retirou o servizo, senón que lle permitiu seguir prestando o contrato, malia incumprir claramente os pregos.

É por isto que dende Vilalba Aberta responsabilizamos ao goberno dos entre 6 e 9 meses impagos, posteriores ó vencemento do contrato con García Galcar.

Tamén realizaron varias propostas, como a dos fondos do canon eólico ou mesmo a ampliación dos aparcamentos. Que acollida tiveron?

Tanto na anualidade 2020 como na actual de 2021, ao PSOE ofrecémoslle pactar que os 200.000 do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverteran directamente nas parroquias. Lamentablemente, e do mesmo xeito que acontecía nas lexislaturas do PP, o seu destino segue a ser o casco urbano.

E no que ten que ver coa necesidade de máis espazos para o aparcamento, dende VA entendemos que a decidida aposta pola humanización debe sempre ir da man da procura de alternativas de estacionamento, máis se cabe nunha vila de servizos proxectada cara as parroquias como é o caso de Vilalba. Lamentablemente as nosas iniciativas nese senso, aínda aprobadas por unanimidade como a relativa á posta en marcha da zona azul gratuíta, non foron tidas en conta.

Que outros proxectos teñen na carteira?

Se a situación epidemiolóxica o permite, no mes de setembro agardamos retomar as nosa aplaudida iniciativa Redes de Parroquia.

Suspendida pola aparición da Covid no mes de marzo de 2020, estamos a falar dunha serie de encontros parroquia a parroquia que, nin máis nin menos, nos permitían coñecer de primeira man as necesidades dos seus veciños/as e incorporalas á axenda política da corporación.

Logo das celebradas en Santaballa, Nete, Ladra, Oleiros e Carballido; a parroquia de San Simón será a seguinte.