Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXACastroverde

Castroverde súmase ao programa de autocompostaxe e Castro de Rei amplíao

Por 7 Agosto, 2021Sin comentarios

O programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama segue gañando adeptos na provincia de Lugo, dadas as súas vantaxes ambientais, económicas e sociais. Cada vez son máis os concellos que solicitan a colaboración desta empresa pública para implantar ou ampliar a autoxestión da materia orgánica naquelas vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante. Toda unha contribución á economía circular.

O Concello de Castroverde decidiu adscribirse á iniciativa de Sogama e farao, nunha primeira fase, con 25 familias. Pola súa banda, Castro de Rei ampliará o programa a 80 novas vivendas que, sumadas ás 30 que xa se incorporaron no seu momento, fan un total de 110 os fogares que participan activamente nesta iniciativa co obxectivo de poñer en valor os residuos orgánicos en orixe e evitar o seu depósito nos contedores verdes convencionais.

Esta medida posibilita que os servizos municipais reduzan a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional, minorando así as emisións de CO2 á atmosfera, á vez que aforran custos ao diminuír o importe da factura que deben pagar a Sogama. Dado que a materia orgánica representa o 42% do contido dunha bolsa de lixo tipo, a cantidade de refugallos remitida a Cerceda para o seu tratamento final, verase reducida en boa medida.

Ademais de todo isto, recupérase unha práctica que forma parte da tradición do rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, coa particularidade de que, ao autoxestionala a diario, evítanse os continuos desprazamentos aos contedores, pois materiais como os envases e o papel/cartón poden almacenarse na casa varios sen días sen risco de cheiros.

Ambos os dous entes locais solicitaron a Sogama a impartición de cursos de formación orientados aos veciños participantes co fin de que poidan coñecer con máis precisión a técnica a aplicar e teñan a oportunidade de consultar as súas dúbidas.

Con todo, recibirán tamén un manual de autocompostaxe, unha especie de guía na que se detallan os pasos a dar co obxectivo de obter un abono de alta calidade, especificando cal é a localización idónea para o composteiro, que materiais deben –e non deben- depositarse no mesmo, e a importancia de controlar determinados parámetros tales coma o osíxeno, a humidade e a temperatura.