Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Concentración das organizacións sindicais contra Surexport

Por 19 Agosto, 2021Agosto 20th, 2021Sin comentarios

Dende mediados do mes de xullo diversas organizacións galegas comezaron a articular unha fronte común aberta para denunciar as “graves prácticas” que a empresa onubense Surexport -agroindustria que acapara o sector da produción privada de froitos vermellos con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español- está a operar na Terra Chá.

Segundo indican, “condicións laborais miserentas, acaparamento de terras e contaminación de augas e solos son algunhas das denuncias das que nos vimos facendo eco a fin de alertar á cidadanía e á Administración desta nova ofensiva da agricultura agroindustrial contra o noso medio rural”.

Continuando con esta denuncia, na mañá de onte procedeuse ao reparto de medio milleiro de panfletos informativos na feira de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo). Acción informativa a pé de rúa á que lle seguiu unha concentración diante da sede que Surexport ten en Castro, secundada por máis de medio cento de persoas.

Alí representantes das organizacións convocantes manifestaron o seu rexeitamento “á explotación laboral e á vulneración dos dereitos das persoas que se están a cometer nos campos de traballo de Surexport”. “Dicimos Non! a que baixo ameazas se forcen xornadas de 12 horas diarias, cun salario inferior ao estipulado por convenio, a que se negue o dereito a unha alimentación digna, a unha hixiene digna ou un trato digno ás persoas traballadoras, a maioría delas migrantes que, desprazadas dende outros campos de traballo que a empresa ten en Huelva e outros lugares, son mesmo privadas do dereito a unha vivenda digna”.

Insistiron en que é “totalmente falso” que Surexport xere riqueza ou traballo na Terra Chá. “Lonxe de o crear, destrúe emprego local e expulsa xente labrega ao impedir ás pequenas produtoras o acceso á terra”. A maiores de destruir emprego e contribuir ao despoboamento das zonas rurais e ao peche de explotacións agrarias e gandeiras, os postos de traballo que xera son precarios e temporais e non permite fixar poboación na zona onde se asenta”, din.

As mobilizacións foron completadas cunha denuncia rexistrada na Subdelegación do Goberno, na que solicitan que coa maior celeridade posible sexa posta en marcha unha investigación exhaustiva por parte das administracións competentes (Subdelegación do Goberno, Inspeción de Traballo e Consellería de Emprego) “ao respecto do trato que Surexport está a infrinxir contra as persoas empregadas -na súa meirande parte procedentes de África-, así coma os seus impactos medioambientais e estratexia de acaparamento de terras agrarias”.