Skip to main content
Cospeito

Acometerán unha restauración ecolóxica da lagoa de Cospeito con fondos europeos

Por 26 Agosto, 2021Sin comentarios

A lagoa de Cospeito será sometida a un proxecto de restauración ecolóxica que a Xunta ten previsto acometer no municipio con cargo aos fondos europeos do Plan de recuperación que lle corresponden a Galicia.

Dentro das accións comprometidas para a conservación e mellora do patrimonio natural figura un importante proxecto de rexeneración na lagoa de Cospeito co obxectivo de fortalecer elementos clave para este espazo que determinan a súa dinámica natural e biodiversidade.

Cómpre subliñar que a lagoa de Cospeito, situada dentro da Zona de especial conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga, é unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia debido á presenza dun importante número de especies de flora e fauna protexidas propias deste singular tipo de ecosistema.

A actual configuración do humidal deriva das actuacións de restauración realizadas en 1997 pola Xunta de Galicia e ás que, posteriormente, se lles deu continuidade con distintas accións de monitorización, recuperación de hábitats, reforzos poboacionais de especies protexidas e control das invasoras, así como outras medidas destinadas a facilitar o uso público deste espazo.

A actuación de restauración ecolóxica na lagoa xorde da experiencia acumulada nestes anos e á espera de que se concreten os detalles unha vez redactado o proxecto —para o que se contará coa colaboración e asesoramento do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader)— incluirá tarefas de mantemento e adecuación nas presas e no corredor fluvial así como melloras na sinalización.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda disporá en total de 21,6 millóns de euros procedentes dos fondos europeos para financiar distintos proxectos e actuacións en materia de conservación e restauración dos ecosistemas e da súa biodiversidade. A lagoa de Cospeito será un dos espazos naturais que recibirá parte deste financiamento.