Skip to main content
A Pastoriza

Equipadas as cinco vivendas rehabilitadas na Pastoriza para alugueiro público

Por 7 Agosto, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo colaborou no acondicionamento das vivendas habilitadas polo Concello da Pastoriza nas antigas escolas unitiarias de Crecente, Álvare e Bretoña. Concretamente, financiouse o equipamento de cinco das seis vivendas reformadas, co obxectivo de crear unha bolsa municipal para alugueiro.

A través dun convenio co Concello, a institución provincial financiou a compra de mobiliario e electrodomésticos para as cociñas -armarios, placas vitrocerámicas,  frigoríficos e fornos-  e a instalación de estufas de pellets.

A achega de Medio Rural permitiu concluír os traballos de rehabilitación e acondicionamento das antigas escolas, un proxecto impulsado desde a Tenencia de Alcaldía do Concello que busca facilitar o acceso á vivenda a prezos asequibles.

Dende a Deputación sinalaron que “o obxectivo último das accións desenvolvidas desde a nosa área é a fixación de poboación no rural. Apostamos por iniciativas tanxibles, que respondan a necesidades e demandas concretas. Cremos que este proxecto impulsado desde a tenencía de alcaldía da Pastoriza é exemplar nese sentido, xa que ofrece alternativas para que as persoas poidan asentarse no rural, neste caso nun municipio cun sector primario moi dinámico, que xenera emprego”.

Incidiron tamén “en que se trata dunha iniciativa que entende a vivenda como un dereito fundamental e que pón en valor un patrimonio público como son as escolas unitarias”.

A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, constatou que “no concello hai unha demanda importante de vivenda, tanto por parte de veciños e veciños que queren independizarse como de persoas que veñen a traballar ás granxas, que teñen dificultades para atopar onde vivir” e adiantou que “están a traballar nunha ordenanza municipal para regular os prezos e os criterios de acceso ás vivendas”.

O Concello dispón dun total de seis vivendas publicas para alugueiro, reformadas e acondicionadas en distintas fases, en Crecente, Álvare e Bretoña, tres das parroquias que concentran gran parte da activdidade gandeira do municipio, o segundo de Galiza en produción leiteira.