Skip to main content
A PastorizaAxenda TERRACHÁXA

Pakolas estrea o mes cunha actuación en Bretoña

Por 31 Agosto, 2021Sin comentarios

O espectáculo musical para público infantil de Paco Cerdeira, Pakolas, aterriza mañá en Bretoña, A Pastoriza. As familias poderán asistir ao concerto Rockeando con Ramona Órbita este mércores 1 de setembro no exterior do Teleclube.

Ofrecer un lecer diverso e de calidade para nenas e nenos conforma o obxectivo principal deste programa, en perfecta sintonía cos valores que promove Ramona Órbita coa súa máquina cargada de rock and roll, incluíndo a perspectiva de xénero nas súas letras, así como a protección da natureza.

Esta proposta musical vai contando co ritmo rockeiro que caracteriza a Pakolas a vida desta súper muller labrega da Serra do Courel, tal e como a presentan, “xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora”, viaxando na súa máquina do tempo ao futuro e ao pasado para “crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas”.

Mais non se reduce exclusivamente ao musical, senón que se van sucedendo narracións e ilustracións que acompañan as melodías e fan navegar ás crianzas por distintos momentos históricos dun xeito divertido e didáctico.

A entrada será de balde e libre ata completar a capacidade do recinto, gardando as distancias de seguridade neste espazo habilitado dacordo coas normas de prevención fronte á Covid-19.