Skip to main content
As Pontes

Abre nas Pontes a inscrición para os programas de emprego rural sustentable

Por 7 Agosto, 2021Sin comentarios

A Deputación da Coruña abriu o día 30 de xullo o prazo de inscrición nas accións formativas no marco do Proxecto PEL de Emprego Sustentable no Ámbito Rural. A proposta conta cos cursos de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións, Xestión de chamadas de Teleasistencia, Dinamización Comunitaria e Guía de Itinerarios de Baixa e Media Montaña.

O proxecto PEL Emprego Sustentable, promovido pola Deputación da Coruña e financiado nun 80% polo fondo Social Europeo, ofrece itinerarios formativos coa finalidade de crear emprego no ámbito rural. Así, esta liña de actuación do PEL contempla accións en sectores como a gandería, atención sociosanitaria, telasistencia ou agricultura ecolóxica e pretende axudar a combater a perda de poboación no rural da provincia.

No curso de Atención Sociosanitaria sur as inscricións poderán efectuarse até o día 13 de agosto ás 14 horas. Pola súa parte, os de Atención Sociosanitaria norte, Xestión de Chamadas de Teleasistencia e Dinamización Comunitaria pecharán a inscrición o día 3 de setembro ás 14 horas. Por último, no de Guía por Itinerarios de Baixa e Media Montaña o prazo para inscribirse estará aberto ata o día 17 de setembro ás 14 horas.

A inscrición para estes cursos efectuarase preferentemente a través da sede electrónica municipal. Este trámite poderase realizar tamén de modo presencial, entregando os formularios cubertos no rexistro, sendo necesaria a solicitude de cita previa no 667 12 93 89/667 12 93 80. Unha vez realizada a inscrición, a selección de persoas beneficiarias basearase na realización de entrevistas por parte dos e das profesionais que integran a rede técnica do concello, en base aos criterios técnicos e específicos predefinidos de selección.

Teranse en conta cuestións coma os coñecementos ou a formación previa, a experiencia profesional, a antigüidade como demandantes de emprego, a situación persoal, a pertenza a algún colectivo dos priorizados e o compromiso como participante en acción de inserción socio-laboral. Os criterios específicos, como a dispoñibilidade para participar, a implicación activa ou a motivación persoal, establécense coa finalidade de poder perfilar a intensidade de traballo esixida por cada itinerario para asegurar a inserción efectiva.

Nese proceso de selección establecerase unha puntuación de 0 a 10 puntos, na que 7 corresponden á baremación de criterios de carácter xeral expostos na solicitude e os 3 puntos restantes a unha entrevista persoal na que se avaliarán os criterios específicos. A listaxe definitiva de persoas admitidas e suplentes será elaborada polo equipo técnico do proxecto intentando manter o equilibrio territorial, seleccionando primeiro á persoa con maior puntuación de cada un dos concellos que enviaron candidaturas segundo a orde de chegada das solicitudes.

Para solicitar máis información contactarase co servizo de emprego do Concello no teléfono 664 01 97 92.