Skip to main content
Vilalba

O PP acusa “escurantismo” no contrato da limpeza dos colexios de Vilalba

Por 1 Agosto, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Vilalba insiste no “escurantismo” do goberno local que “non explicou como debera o procedemento polo que se lle encargou á empresa pública Tragsa a prestación do servizo de limpeza dos centros escolares e outros edificios públicos”. Así o subliñou o portavoz, Agustín Baamonde, trala celebración do pleno ordinario deste mes de xullo no que os populares lle esixiron explicacións.

O popular asegura, sobre este asunto, que “existen informes contraditorios: mentres que os servizos xurídicos do Concello emitiron informe desfavorable; o goberno local encargou outro informe xurídico á outra administración implicada, a Deputación, que informou favorablemente”. Explica que “o goberno local debería encargar o segundo informe a outra entidade independente”.

Outro dos puntos que critican os populares é que “o prezo do contrato con Tragsa resulta ser superior ao das licitacións que non foron adxudicadas”; polo que, deste xeito, “o servizo sáelle máis caro ao Concello”.

Ademais, advirte Baamonde que “o convenio asinado coa Deputación polo que Tragsa prestará o servizo inclúe unha cláusula de salvagarda pola que o Concello tería que indemnizar á empresa pública no caso de que un xulgado determine que deba asumir os impagos ás traballadoras que teñen presentado reclamación por levar nove meses sen cobrar”. Pola contra, “no contrato de licitación o goberno local non recollía esta circunstancia que, probablemente, motivou que as empresas que resultaron adxudicatarias rexeitaran aceptar a concesión”.

Por outra banda, o goberno local tampouco aclarou se volverá a renovar o convenio para que Tragsa continúe a prestar o servizo unha vez rematado o período de seis meses máis outros seis establecido para resolver a situación de emerxencia coa que o goberno local xustifica a sinatura deste convenio ou se volverá a sacar a licitación a prestación do servizo.

Servizo Madrugadores

“O goberno local rectificou e aceptou a municipalización do servizo de ‘Madrugadores’ que era a proposta que dende o PP defendiamos no goberno. Agora demóstrase que é a única forma viable”, subliña Baamonde, explicando que, desta forma, se abarata o servizo.

“Antes os pais e nais tiñan que levar aos seus fillos ás ludotecas e, posteriormente, un autobús recollía aos alumnos para ir aos centros escolares. Os pais e nais pagaban o transporte e a ludoteca e, pola súa parte, o Concello asumía o transporte; mentres que, coa proposta establecida polo PP no ano 2019 que contou cos votos en contra da oposición -PSOE, BNG e Vilalba Aberta- e que agora se aproba, “o servizo se presta directamente nos centros escolares asumido polo Concello. É máis cómodo para as familias e os rapaces e rapazas e, ademais, o Concello aforra o transporte ata os centros”.

Abandono do rural

Outra das “rectificacións do PSOE con respecto a cando estaba na oposición” chegou co debate da moción coa que o Grupo Municipal Popular esixía un plan de actuacións para o desenvolvemento do rural. “Quedou patente que o goberno local non ten un plan para o rural: por unha banda, fixeron constantes referencias ao pasado e non ao futuro; e, por outra, votaron en contra da proposta ao considerar inasumible a partida orzamentaria de 1,3 millóns de euros anuais para o plan de camiños que recollía a nosa proposta”.

A este respecto, o popular aclara que “esa era a asignación que o goberno do Partido Popular viña mantendo para o aglomerado, a rexeneración e a reparación de vías municipais e, daquela, o PSOE esixía dende a oposición máis fondos para aglomerar a totalidade da rede de estradas de titularidade municipal. O que é unha quimera”, puntualiza.

Respostas pouco clarificadoras

Os populares obtiveron “respostas pouco clarificadoras” na sesión plenaria sobre as axudas á hostalería e ao comercio para as que “o goberno local non ten previsión porque continúa sen ter aprobada a liquidación orzamentaria do ano anterior. A situación do Museo de Vilalba continúa en estudo e tamén aseguraron que estudarían a problemática dos clubs de fútbol que teñen que asumir o pago de grandes cantidades de IBI polos campos que teñen en propiedade que agardamos se resolva con maior rapidez”.