Skip to main content
Vilalba

Amigos do Mupav inician unha campaña na procura de apoios para o museo

Por 23 Agosto, 2021Agosto 24th, 2021Sin comentarios

Amigos do Mupav vén de iniciar este mes unha campaña de sensibilización e apoio á institución museística ante o que eles cualifican de “grave situación que sofre o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba”. Para unirse a esta campaña, hai que descargar un formulario que está dispoñible nas redes sociais e envialo a amigos@museovilalba.org.

Tal e como explica a asociación, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. “A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, vén desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico”.

O colectivo explica no seu manifesto que nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.

“O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo Mupav, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo Mupav. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente”, explican.

Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio ao movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión.

Nel reclama a “firme e ineludible necesidade” de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles, así como a convicción de que o Mupav ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.

Reclaman a necesidade de dotar ao Mupav de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos e teñen a intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio Mupav.

Finalmente reclaman avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.

O colectivo vén de abrir un grupo público nas redes sociais no que publicou o manifesto e o formulario para adherirse ao mesmo e que debe enviarse por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, ou tamén por correo postal a (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800, Vilalba) ou mesmo entregalo na sede do Museo.

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS

Os vindeiros días 26 e 27 de agosto o Museo celebrará unhas xornadas de portas abertas.

Realizaranse en grupos de cinco persoas en varias quendas. O xoves 26 haberá pases ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 horas, e o vernes 27  ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas.

Para participar abonda con enviar un correo a museo@museovilalba.org, indicando un nome de contacto, as persoas que asistirán e a quenda elixida.