Skip to main content
Vilalba

Comezan as obras da estrada de Corvelle a Samarugo

Por 23 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Vilalba ultima as obras de renovación na vía que conecta as parroquias de Corvelle e Samarugo, na zona das Veigas. Os traballos permitirán o completo acondicionamento dun tramo de vía de 3’250 quilómetros.

A obra saíra a licitación por un importe superior aos 57.000 euros, porén, os traballos foron adxudicados por 44.442 euros. Esta situación permitiu ao Concello de Vilalba aforrar case 13.000 euros, que permitirán un novo investimento noutra pista da zona rural do municipio.

Esta renovación supón un importante proxecto nunha vía que serve de nexo entre ambas parroquias e que polo tanto soporta un fluído tráfico. O vial atopábase moi deteriorado debido ao paso do tempo, a acción da a auga e o seu uso intenso.

Esta situación dificultaba o tráfico de vehículos e peóns, supoñendo un risco para a seguridade viaria. Polo tanto, para o Concello de Vilalba era urxente renovar este vial o antes posible.

Os traballos permitirán unha rexeneración total da zona, procedendo á limpeza de noiros, á regularización da súa base e mais á pavimentación de toda a superficie con bituminoso de dúas capas.

Ademais, co obxectivo de dar solución a un importante problema de drenaxe neste tramo, incorporáronse varios tubos de drenaxe no vial. Os traballos foron financiados grazas ao Plan Único da Deputación de Lugo.

O concelleiro de Infraestruturas de Vilalba, Luis Fernández, acudiu a visitar a obra, xunto cun veciño da zona e mais o pedáneo de Samarugo, José Ángel Río Vázquez.