Skip to main content
Axenda Caducada

O Concello de Cervo conmemorará o Día do Alzheimer

Por 25 Setembro, 2021Setembro 29th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través da delegación de servicios sociais en colaboración coa Asociación de xubilados Terramar,  prepara unha programación en conmemoración do Día do Alzheimer, que foi o pasado 21 de setembro.

A actividade principal do programa consistirá nunhas xornadas dedicadas á enfermidade que terán lugar en San Ciprián e en Cervo. Nestes coloquios interactivos, dirixidos pola terapeuta ocupacional Reyes Quelle, faranse exposicións teóricas das particularidades do Alzheimer  e impartiranse consellos prácticos sobre como afrontar este trastorno neurocognitivo.

Outra das actividades será un programa de envellecemento activo, no que se levará a cabo un traballo tanto psicolóxico como físico con todas as persoas que se apunten. Tanto as xornadas como as actividades de envellecemento activo teñen previsto iniciarse no mes de outubro e prolongaranse ata finais de ano.

Durante a realización do programa colocaranse dúas caixas de correos – unha na casa da cultura de San Ciprián e a outra será itinerante polo resto do Concello- que servirán para presentar dúbidas da enfermidade tanto para usuarios como para coidadores. 

Ao final das actividades, farase unha exposición fotográfica onde se poderá ver todo o traballo realizado durante o transcurso de todo o programa.

Para Pilar Armada “é importante dotar á xente de ferramentas que lles permitan coñecer esta enfermidade e o xeito de actuar ao convivir con ela”. A concelleira de Servicios Sociais anima á xente a asistir á xornada informativa do próximo mércores ás 17H na Casa da Cultura para resolver todo tipo de dúbidas sobre o contido do programa.